Co obxectivo de facilitar a conciliación, o Concello de Rois farase cargo o vindeiro curso escolar das actividades que se desenvolvan nos colexios dos Dices e do Pumar encamiñadas a alongar a estadía do alumnado en ámbolos centros máis alá do horario de clases. Asumirá, deste xeito, tanto o servizo de madrugadores como unha oferta de actividades extraescolares que cubrirán dende o remate do comedor ata as 18.30 horas. Ámbalas opcións poderán utilizarse a cotío, en días fixos ou de xeito ocasional. Co programa Concilia Rois, un menor que faga uso dos dous servizos de luns a venres pagará de 60 euros ao mes.
O Concello de Rois responde con esta novidosa iniciativa a necesidade das familias de compaxinar a vida laboral e familiar, motivado pola implantación da xornada continua no colexio dos Dices a partir do próximo curso. Ademais da posta en marcha do Concilia Rois, o Concello faise cargo tamén das actividades extraescolares, como lle solicitaron as Asociacións de Nais e Pais do municipio nunha reunión con alcalde.
O servizo de madrugadores, chamado Amencer, abarcará dende as 7.30 horas ata o inicio das clases. Terá un prezo de 30 euros ao mes para os escolares que o empreguen toda a semana. No caso de ser un día, sempre o mesmo, o custo será de 10 euros, de 18 euros se son dous días e de 28 euros para tres días. As usuarias/os ocasionais pagarán 4 euros por xornada.
Despois do comedor, os menores poderán participar nas Tardes Activas ata as 18.30 horas. A cargo dun equipo de monitoras e monitores, o alumnado participará en diversas actividades culturais e lúdicas, entre as que se atopan xogos de mesa e cooperativos. Tamén traballarán na biblioteca e terán un espazo de estudo.
Distintas bonificacións
O Concilia Rois, que inclúe o traslado dos menores as actividades que se desenvolvan nos centros educativos, nos pavillóns ou na Escola de Música, custará 40 euros ao mes para o alumnado que faga uso do mesmo de luns a venres. Ao igual que ocorre con Amencer, o prezo por días será de 10 euros cando é un, de 18 euros se son dous, de 28 euros se son tres e de 38 euros se son catro. Os días soltos saen a 4 euros por día.
Sobre os prezos xerais, as familias poderán beneficiarse de distintas bonificacións. Para aquelas que teñan que empregar os dous servizos de luns a venres, haberá un bono concilia que custará 60 euros. Así mesmo, terán un 10% de desconto tanto as usuarias e usuarios que pertenzan a familias monoparentais como o segundo irmán se asisten ao mesmo servizo. Por último, as familias numerosas e aquelas cunha renda per cápita igual ou inferior ao 75% do IPREM terán unha rebaixa do 25% da cota. Estarán exentas de pagar aquelas persoas que determine o departamento de Servizos Sociais.
Inscricións ata o 13 de agosto
Aquelas familias interesadas en facer uso dalgún dos servizos de xeito regular, deberán facer a inscrición antes do 13 de agosto. O día 18 daranse a coñecer o listado provisional e as prazas vacantes e abrirase un prazo de reclamacións que abranguerá ata o 24 de agosto. Logo da publicación das listaxes definitivas o 30 de agosto, poderanse facer inscricións ao longo do curso só se quedaran prazas vacantes.
Como inscribirse
Para inscribirte podes cubrir o formulario online que tes no seguinte enlace. Unha vez cuberto, o sistema envíacho a túa conta de correo electrónico para que o asines dixitalmente e poidas remitirllo ao Concello dende a propia páxina web.