-
É unha nova consulta illada que conta con cama, mesa, lavabo e botella de osíxeno
-
Carlos Silva, coordinador do centro médico, agradece a colaboración do Concello e a rapidez en atender a petición do persoal sanitario
-
O Concello colocou xa en marzo unha mampara de cristal na sección administrativa
O coordinador do centro médico de Rois, o doutor Carlos Silva, agradece a rápida resposta e a colaboración do Concello de Rois, que habilitou un cuarto illado na planta baixa do ambulatorio para atender alí a persoas infectadas ou sospeitosas de ter o coronavirus COVID-19. Esta nova consulta, construída recentemente, conta con cama, mesa, lavabo e dotación de osíxeno “para poder atender e illar a persoas sospeitosas de ter o COVID-19 sen que accedan a outras dependencias dos centro de saúde”, dixo o médico.
Foi o propio Carlos Silva quen lle pediu ao alcalde de Rois que puidese habilitar un reservado exclusivo para persoas sospeitosas de COVID-19 coa finalidade de evitar a propagación do virus. “Tátase dun cuarto illado con aluminio ao que pasan directamente aquelas persoas que cando chegan ao centro de saúde, e na triaxe que facemos na entrada, poidan resultar sospeitosas de estar enfermas ou infectadas”, di o doutor, que recoñece que xa usaron este cuarto.
Neste caso, a persoa pasa a este reservado, onde “é explorada polo médico do centro de saúde. Se vemos que ten sintomatoloxía que nos faga sospeitar do coronavirus, chamamos ao 061 para que confirmen o diagnóstico e que o persoal do 061 tome as medidas que estime oportunas, como mandalo para o hospital ou recomendar illamento domiciliario”.
Carlos Silva destaca a rapidez coa que dende o Concello de Rois atenderon esta petición do persoal sanitario “para evitar a propagación do COVID-19, dentro das nosas posibilidades”. Engade que esta mesma axilidade para facilitar solucións, dende o Concello puxeron unha mampara de cristal na zona administrativa para protexer ao persoal, “porque a pedimos un venres e o luns seguinte xa estaba colocada”, engade.
O coordinador do centro de saúde destaca o bo comportamento xeral que está a manter a veciñanza de Rois, respectando o confinamento nas casas dende que se decretou o estado e alarma.
Nesta liña, dende o centro de saúde de Rois tamén tomaron medidas con aquelas persoas que teñen que facerse analíticas do sintrón, un anticoagulante. “No centro de saúde temos protocolos que seguimos ao pe da letra. Os pacientes de sintrón non entran no centro; non baixan do coche no que veñen ata aquí. Saímos nos a facer a extracción ao coche, e nuns 15 minutos facilitámoslle os resultados. Se todo está ben, pode volver a súa casa”, engade.