O alcalde de Rois, Ramón Tojo, entregoulle hoxe ao equipo directivo do CEIP O Pumar-Urdilde exemplares da publicación A orixe e o significado do nome do meu lugar, un traballo elaborado polo propio centro educativo no que se explican as particularidades da toponimia roisense. O director do colexio, Benito Barrantes, e a xefa de estudos, Alicia Dios, recibiron os volumes, cos que se pretende poñer en valor entre o alumnado o interese pola historia e a etnografía do municipio.
Foi a propia rapazada do CEIP O Pumar-Urdilde a encargada de ilustrar o libriño, que conta con textos do historiador e etnógrafo Clodio González. Antigo mestre do centro, González explica en A orixe e o significado do nome do meu lugar de onde vén a denominación de cada parroquia ou aldea nas que vive o alumnado. O obxectivo é poñer en valor o patrimonio inmaterial da toponimia de Rois e, ao tempo, fomentar o sentimento de pertenza á comunidade entre a xente máis nova.
O Concello de Rois colaborou na xestión da impresión do traballo, que se tramitou a través da imprenta provincial que xestiona a Deputación da Coruña.