O Concello de Rois reforza o seu compromiso co medio natural e coa redución de residuos orgánicos a través do seu programa de compostaxe doméstica. Nesta nova etapa, o Concello anuncia a incorporación de 150 composteiros adicionais para atender a demanda existente e as novas peticións da veciñanza.
Os residuos orgánicos representan, aproximadamente, a metade dos residuos xerados nos fogares. A súa xestión supón un importante impacto, tanto a nivel medio ambiental como económico.
É por este motivo polo que, dende o Concello, animamos a toda a veciñanza que dispoña dun pequeno terreo a autoxestionar os residuos orgánicos mediante a compostaxe doméstica. Grazas a ela, no só se reduce a pegada de carbono, senón que tamén se pon en valor un residuo, obtendo como resultado de forma sinxela un excelente fertilizante.
Para se beneficiar da iniciativa abonda con anotarse no concello (de forma presencial ou a través desta ligazón). Unha vez completado o rexistro, organizarase unha xornada formativa na que se fará a entrega de todo o material necesario. A iniciativa tamén incluirá un seguimento ao longo do ano 2024.
Esta iniciativa conta co financiamento da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.