- O alcalde, Ramón Tojo Lens, presidiu hoxe a homenaxe a un dos deportistas con máis proxección do municipio
- Neo Suárez foi campión de España na categoría Xuvenil B de trial, unha dura modalidade do motociclismo
O Concello de Rois recoñeceu hoxe a traxectoria e o brillante futuro que se abre para Xurxo Neo Suárez, un mozo residente en Urdilde que o ano pasado conseguiu o primeiro posto na categoría xuvenil B do Campionato de España de trial. O alcalde, Ramón Tojo Lens, presidiu o acto e fíxolle entrega dun recordo conmemorativo ao mozo, unha das grandes promesas dun municipio fecundo en deportistas destacados.
“Os éxitos son resultado dunha disciplina no adestramento e dun nivel de esixencia moi importante”, afirmou Ramón Tojo, recordando que desde o Concello de Rois “perseguimos crear futuro coa práctica e promoción do deporte”. A entrega dunha figura dun peregrino do Camiño de Santiago ao piloto de Urdilde levouse a cabo este mediodía no salón de plenos da casa consistorial. Ademais dos familiares de Xurxo Neo e do rexedor local, asistiron ao acto o tenente de alcalde, Manuel dos Santos, e o técnico municipal de Deportes, Roberto Carlos Agrelo.
Malia a súa xuventude (fixo 13 anos hai só uns días), Neo sabe xa o que é enfrontarse á esixencia da competición de alto nivel. Non en van, no pasado ano estivo entre os pilotos máis destacados de toda España nas categorías de promoción do trial, unha dura modalidade do motociclismo na que é necesario un físico privilexiado e gran control sobre o corpo e a mente para superar obstáculos de dificultade crecente.
A traxectoria de Xurxo Neo apunta alto desde que conseguira no 2018 facerse co subcampionato galego na categoría TR4, batendo a rivais moito maiores que el. A campaña do 2019 coroouna o triunfo no Campionato de España, unha competición que valora a regularidade e a constancia, pois premia ao mellor de cinco probas puntuables, celebradas en lugares como Barcelona, León ou Teruel. Neo gañou dúas das citas, foi segundo noutras tantas e terceiro nunha máis.
A afección polo trial venlle de familia, dado que seu pai, Javier Neo, ten no seu haber o título de campión galego na categoría de veteranos desta modalidade deportiva. A primeira vez que Xurxo Neo montou nunha moto eléctrica contaba con tan só 3 anos, e con 5 xa participou na súa primeira carreira. Agora, o piloto de Urdilde continúa co seu duro adestramento para competir na categoría Xuvenil A do Campionato de España 2020, que comezará a disputarse no mes de marzo.