O Concello de Rois acolleu o martes 27 e o venres 30 de maio dúas xornadas informativas en Rois e Urdilde co obxectivo de achegar á veciñanza as obrigas legais e boas prácticas en materia de prevención de incendios forestais.

As sesións foron impartidas por unha axente medioambiental do Distrito Forestal IV do Barbanza, que explicou de forma detallada os aspectos máis relevantes da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, especialmente os relativos á xestión da biomasa vexetal e á corta de especies incluídas na rede de faixas secundarias.

O Concello organizou estas charlas como parte da súa estratexia de sensibilización cidadá, destacando a importancia de manter limpas as parcelas situadas nos perímetros entre os terreos forestais e os núcleos de poboación, unha das medidas máis efectivas para reducir o risco de incendios.

Desde o Concello de Rois faise un chamamento á colaboración veciñal para cumprir coa lexislación vixente e protexer o territorio fronte ao lume.

O goberno local agradece a asistencia das persoas participantes e reitera o seu compromiso de seguir organizando accións formativas e informativas que contribúan á prevención de incendios e á protección do patrimonio natural do municipio.