30 de setembro de 2024

Atendendo á demanda que rexistraron as distintas modalidades ofrecidas, o Concello de Rois dá a coñecer a listaxe definitiva de actividades deportivas e culturais que se desenvolverán no curso 2024-25. O listado pode consultarse en arquivo adxunto ou premendo nesta ligazón.

O curso iniciarase o martes 1 de outubro nos horarios especificados na programación (pódese consultar nas imaxes ao final desta publicación).

Logo de superado o primeiro prazo de matrícula, e en consonancia coa demanda, publícase a listaxe provisional de actividades municipais durante o curso 2024-25.

A listaxe pode consultarse en arquivo adxunto ou premendo nesta ligazón.

11 de setembro de 2024

O Concello de Rois lanza a súa completa oferta de actividades municipais para o curso 2024-2025, dirixida tanto a persoas adultas como menores de idade. Con opcións que abranguen desde o deporte ata a creatividade artística, o obxectivo é ofrecer alternativas de lecer e formación que promovan a participación activa da comunidade. Entre as principais novidades nesta tempada destaca a introdución da patinaxe en liña (freeskate) e a ampliación do horario do ximnasio municipal, que abrirá de luns a domingo de 7.00 a 23.00 horas, previa inscrición no Edificio Multiúsos.

As inscricións estarán abertas do 11 ao 23 de setembro e poderá realizarse en liña dende o apartado de formularios de trámites da páxina web (neste enlace), tanto para a modalidade de actividades deportivas municipais para menores e persoas adultas como para a modalidade de actividades socioculturais e de Servizos Sociais. O inicio das actividades está previsto para o 1 de outubro, cun período de proba ata o 31 de outubro para facilitar a adaptación dos participantes.

Para a mocidade e a infancia, o Concello oferta unha ampla gama de disciplinas deportivas como atletismo, patinaxe, xadrez, baile deportivo, baloncesto, iniciación deportiva para os nenos e nenas de 3 a 6 anos, judo, tenis e ximnasia rítmica.

As nenas e nenos de 4º de educación infantil en adiante poderán gozar dunha longa lista de propostas dentro das escolas deportivas municipais que se desenvolverán tanto en Rois como en Urdilde, ás que se suman os cursos de natación na piscina de Brión que xestionan as Anpas. En total son once as modalidades dispoñibles para a rapazada (atletismo, patinaxe, xadrez, baile deportivo, baloncesto, iniciación deportiva para os nenos e nenas de 3 a 6 anos, judo, tenis e ximnasia rítmica) tras engadirse este ano no programa o patinaxe en liña (polideportivo de Rois os venres de 17.30 a 18.30 horas e no de Urdilde os venres de 15.30 a 16.30 horas).

As inscricións nos cursos de natación na piscina de Brión deberán facerse a través das ANPAs. Facilitamos os formularios de inscrición tanto da ANPA Santo Isidro do CPI Os Dices-Rois (descargar o arquivo adxunto) como o enlace para cubrir en liña o formulario de inscrición da ANPA Urcael do CEIPP de Urdilde (neste enlace)

Para persoas adultas, destacan as actividades deportivas como o baile en parella, hipopresivos, ioga, pilates, zumba ou ximnasia de mantemento para maiores de 55 anos. O Concello ampliou además para esta temporada o horario do ximnasio municipal para adaptarse as necesidade de toda a veciñanza.

Oferta sociocultural e de servizos sociais

A veciñanza de Rois poderá volver gozar neste curso de opcións creativas como o multiobradoiro de arte e creatividade, o curso de encaixe de palillos e vainicas, ou o taller de recuperación de música tradicional (pandeireta).

A programación tamén inclúe servizos socioculturais como o taller de memoria para maiores de 50 anos, co fin de promover o benestar mental e social. Ademais, haberá teatro a través do grupo municipal “Vacalouras”.

A cativada tamén poderá formarse cos multiobradoiro de arte e creatividade ou elixir cociña creativa, informática e mecanografía, contacontos tanto en Rois como en Urdilde, e Arrorois para a cativada entre 0 e 3 anos con saídas didácticas.

Tamén continúa neste curso o servizo de ludoteca, que ofrece apoio ás familias en horarios extraescolares a partir deste mércores 11 de setembro de luns a venres ao rematar a xornada escolar. No caso do CPPI Os Dices-Rois o horario será de 14.40 a 16.40 horas, e no CEIPP O Pumar-Urdilde de 15.30 a 17.30 horas. Accede á plataforma de inscrición premendo neste enlace.

 A oferta da Escola Municipal de Música e do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima completan as alternativas culturais para menores e persoas adultas e contan con procesos de inscrición propia para a súa oferta de baile tradicional, canto e pandereita, gaita e percusión.

Dende o Concello se informa que esta información pode sufrir variacións en función da organización e da demanda das actividades.

Proceso de inscrición

As inscricións para actividades deportivas e culturais municipais deberá facerse en liña no formularios dispoñibles:

O prazo remata o luns 23 de setembro.

O mércores 25 de setembro publicarase a listaxe de altas e baixas e do 26 ao 27 de setembro estará aberto o prazo de reclamacións e segunda matrícula. As listaxes definitivas publicaranse o luns 30 setembro. No caso de non se tramitaren as baixas no período establecido, realizarase o cobro da matrícula.

Á hora da inscrición terán preferencias as persoas empadroadas ou escolarizadas en Rois.

Esta información pode sufrir variacións en función da organización e da demanda das actividades.

Os grupos de cada actividade poderanse dividir en función do número de persoas participantes. O lugar das actividades tamén se poderá modificar polo mesmo motivo.

Aquelas actividades que non teñan suficiente alumnado inscrito ou que a maioría non estea empadroado en Rois poderán ser suspendidas.

Para consultas ou máis información, as persoas interesadas poderán dirixirse ao edificio multiúsos de Rois, chamar ao teléfono 981 816 061 ou escribir a inscricions@rois.gal

Consulta a oferta de actividades, os horarios, os prezos e o proceso de matrícula nas imaxes adxuntas: