O Concello de Rois ofrece ás familias con crianzas menores de tres anos a posibilidade de participar no programa Espazos das Familias, unha iniciativa que facilita o intercambio de experiencias e ferramentas educacionais. Trátase dunha serie de encontros que se realizan cunha periodicidade semanal e teñen unha duración aproximada de dúas horas.

A finalidade deste programa é poñer en valor o importante papel das familias como educadoras, proporcionando un lugar e un tempo nun ambiente axeitado para que nais e pais poidan compartir, debater e reflexionar sobre a experiencia da crianza. Para iso, as familias estarán coordinadas por persoal da Asociación socio-educativa Antonio Gandoy, unha entidade composta por profesionais da educación que formaron parte do colectivo Preescolar na Casa.

As sesións desenvolveranse durante todo o curso escolar. Nas xuntanzas favorecerase que nenas e nenos se atopen con outros das mesmas ou parecidas idades e cos adultos. Así mesmo, proporanse actividades axeitadas para acadar o mellor desenvolvemento das crianzas, tendo en conta a súa idade. Tamén se propoñerán pautas de actuación para o futuro.

As familias interesadas en participar deberán inscribirse no departamento de servizos sociais do Concello de Rois antes do venres 12 de outubro. A admisión será por rigorosa orde de inscrición. Para poder levar adiante esta actividade requírese un mínimo de 15 familias inscritas.