Un ano máis, o Concello de Rois anima aos rapaces e ás rapazas do municipio a escribirlle a carta de Nadal aos Reis Magos para vivir coa ilusión de sempre estas datas. E, para facilitarlle o traballo, pon a disposición das crianzas dous modelos de misiva para que cada quen escolla a que mellor se adapte aos seus gustos ou necesidades e poida facer as súas peticións. Os modelos de cartas de Nadal aos Reis Magos poden descargarse directamente dende os enlaces que están ao final desta nova.

Ademais, co obxectivo de facer partícipes aos escolares do municipio, repartiranse as cartas de Nadal entre o alumnado de infantil e primaria dos distintos centros escolares. Estas cartas serán recollidas polos Paxes Reais de Oriente durante a súa visita aos colexios. Como agasallo, os paxes entregarán a cada escolar un bastón de caramelo máxico, de carácter solidario, en apoio á campaña da Federación galega de enfermidades raras e crónicas (Fegerec).

O Concello tamén fará pública a guía de Lecturas de Nadal, que elaborarán conxuntamente  a Biblioteca pública municipal de Rois e as bibliotecas escolares. Esta guía terá como obxectivo recomendar unha serie de libros e de lecturas para estas vacacións escolares de Nadal acorde ás idades do alumnado.

Enmarcado na programación de Nadal, o Concello pon en marcha do 23 de decembro ao 4 de xaneiro o Divernadal, para facilitar a vida laboral e familiar durante as vacacións escolares. A actividade desenvolverase nas instalacións dos centros escolares do municipio e ao longo do mesmo as persoas participantes desenvolverán diversas actividades lúdicas.

Cómpre subliñar que a programación de Nadal arranca mañá, sábado 17 de decembro, co tradición Concerto de Nadal, a cargo da Escola Municipal de Rois. A actuación terá lugar no auditorio municipal ás 18.00 horas. A entrada é libre ata completar aforo. 

E, os cativos e as cativas terán a súa derradeira cita de Nadal, o xoves 5 de xaneiro, día no que Rois recibirá á comitiva dos Reis Magos de Oriente.