O Concello de Rois acaba de repartir un bando entre a veciñanza no que se lle insta a facer un uso sostible e responsable da auga debido á seca que está a padecer Galicia e o resto de España. O bando inclúe unha serie de consellos e pequenos xestos que todas as persoas poden aplicar nas súas casas, no baño, na cociña, no xardín ou nas piscinas privadas, para aforrar auga e evitar que se teñan que aplicar restricións, á vez que se coida o medio ambiente.
O Concello de Rois lembra que a auga potable é un recurso escaso e imprescindible, cada vez máis escaso. De aí a necesidade de concienciar á poboación de que son moitos os pequenos xestos que se poden e se deben facer para aforrar auga.
Entre os consellos recoméndase pechar as billa mentres se enxaboan os pratos, se lavan os dentes, as mans, o corpo, o pelo ou ao afeitarse. Evitar que as billas pinguen e revisar que non haxa fugas, e pechar a chave de paso xeral se se vai a estar varios días fóra de casa.
Ducharse no canto de bañarse e non estar demasiado tempo baixo a auga, instalar un botón na ducha da piscina con paro automático, utilizar o lavalouzas e a lavadora cando estean completamente cheos e utilizar un programa economizador da auga; evitar a evaporación da auga da piscina cubríndoa cando sexa posible; evitar as horas de maior evaporación para regar xardíns e plantas ou bañar ás mascotas nun terreo que necesite rego son outras das recomendacións a ter en conta.
As recomendacións completas para un consumo responsable da auga poden consultarse no arquivo adxunto.