O Concello de Rois participa, xunto cos concellos de Dodro, Padrón, Valga, Catoira e Pontecesures, no Programa Integrado de Emprego do Concello de Dodro 2025/2026, cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Este programa ten como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas en situación de desemprego na comarca mediante un conxunto de accións formativas, orientativas e prácticas, que se desenvolverán ao longo dos próximos meses.
O proxecto ofrece 100 prazas para persoas desempregadas dos concellos participantes e combina distintas actuacións como información, orientación e asesoramento laboral individualizado, así como obradoiros de coaching, intelixencia emocional, habilidades sociais, entrevistas laborais e mobilidade laboral. A formación para o emprego centrarase nos sectores clave:
- industrias alimentarias
- fabricación mecánica
- téxtil, confección e pel
- servizo de administración e xestión
- loxística, marketing e comercio
- hostalería e turismo
- servizos á comunidade
- socio sanitarios
- imaxe e son
Tamén se promoverán accións de intermediación con empresas, o fomento do autoemprego e do emprendemento, e a realización de prácticas non laborais. O programa ten un obxectivo de inserción do 37% dos participantes.
O programa ofrece unha bolsa diaria de 10 euros para facilitar a asistencia ás accións formativas, favorecendo ao mesmo tempo a conciliación coa vida familiar.
As persoas destinatarias deberán estar en situación de desemprego e inscritas como demandantes nas Oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia, pertencendo a algún dos seguintes colectivos:
- Persoas con discapacidade
- Persoas desempregadas maiores de 45 anos
- Persoas menores de 30 anos
- Mulleres
- Persoas desempregadas de longa duración
- Persoas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción (RAI)
O Concello de Rois anima a todas as persoas interesadas a participar nesta iniciativa, que representa unha importante oportunidade de mellora profesional e inserción laboral.
As inscricións poden realizarse directamente no Concello de Dodro, a través do seu Departamento de Emprego, ou ben chamando aos teléfonos 981 802 062, 669 949 973 ou 676 829 521, ou enviando un correo a info@dodro.gal.


















