O Concello de Rois, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, organiza un curso gratuíto de introdución á lingua e á cultura galegas destinado a persoas maiores de 16 anos que desexen iniciarse no galego ou reforzar os seus coñecementos.
A actividade desenvolverase no Edificio Multiúsos de Rois os días 1, 2, 3, 4, 7, 8, 9, 10, 11 e 14 de setembro, en horario de 19.00 a 21.00 horas, cun total de 20 horas de formación.
O curso está concibido como unha proposta práctica, participativa e adaptada a diferentes niveis, polo que non será necesario contar con coñecementos previos da lingua. O seu obxectivo é facilitar ás persoas participantes unha primeira aproximación ao galego e á cultura do país, favorecendo ao mesmo tempo a integración e o uso da lingua en distintos ámbitos da vida cotiá.
Ao remate da formación entregaráselle a cada participante un diploma acreditativo da súa asistencia.
As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición ata o vindeiro 20 de agosto no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Rois ou chamando ao teléfono 981 804 109.
As prazas son limitadas, polo que o Concello anima a todas as persoas interesadas a inscribirse con antelación.

















