O Concello de Rois vén de anunciar a organización de dúas viaxes destinadas a facilitar a veciñanza a participación en dúas das celebracións máis destacadas e de maior tradición en Galicia: o San Froilán de Lugo e a Feira das San Lucas de Mondoñedo.
A primeira das saídas terá lugar o sábado 4 de outubro, con destino á cidade de Lugo para gozar das festas do San Froilán, declaradas de interese turístico. A segunda está prevista para o venres 17 de outubro, coincidindo co Día das vésperas da Feira das San Lucas de Mondoñedo, unha das máis antigas de Galicia, cuxa orixe se remonta a 1156.
O prezo de cada excursión é de 5 euros por persoa, aínda que as prazas serán de balde para menores de cinco anos. A cota inclúe o desprazamento en autobús e o seguro de viaxe. Terán preferencia as persoas empadroadas no municipio.
O período de inscrición permanecerá aberto entre o 8 e o 26 de setembro. As persoas interesadas deberán chamar ao teléfono 981 816 061 ou enviar un correo electrónico a inscricions@rois.gal indicando nome e apelidos, DNI, idade, teléfono e domicilio. O pagamento efectuarase unha vez confirmada a praza e, no caso de non acadar o número mínimo de inscricións, a actividade poderá ser cancelada.
Estas dúas propostas culturais e de lecer, incluídas no programa Viaxa con Rois, están organizadas polo Concello en colaboración coa Deputación da Coruña. A iniciativa ofrece á veciñanza a posibilidade de coñecer de primeira man dúas festas de referencia en Galicia, cunha longa tradición e un importante atractivo turístico.

















