Cartel da Viaxe para maiores 2026, a Mallorca

O Concello de Rois pon en marcha unha nova edición da súa proposta Viaxa con Rois coa organización da Viaxe para Maiores 2026, que terá como destino as Illas Baleares, concretamente a illa de Mallorca. A viaxe desenvolverase do 13 ao 19 de abril de 2026, cunha duración de sete días e seis noites.

O prezo da viaxe é de 460 euros por persoa. O ingreso poderá realizarse na conta de ABANCA ES64 2080 0328 9631 1000 0060 ou mediante pagamento con tarxeta nas oficinas municipais no momento da inscrición.

A proposta inclúe os traslados ao aeroporto e os voos de ida e volta, así como o aloxamento en pensión completa nun hotel de catro estrelas. Durante a estadía realizaranse tres excursións con guía oficial ás Covas do Drach, á cidade de Palma —con entrada á súa catedral— e a Valldemossa, onde se visitará a Cartuja. Ademais, as persoas participantes estarán acompañadas en todo momento por persoal do Concello de Rois.

Poderán participar as persoas empadroadas no Concello de Rois que sexan pensionistas de xubilación do Sistema Público Español de Pensións, así como de viuvez ou invalidez con 55 anos feitos. Tamén poderán inscribirse aquelas persoas titulares ou beneficiarias do Sistema da Seguridade Social que teñan 65 anos feitos. En todos os casos, será necesario valerse en por si.

O prazo para anotarse estará aberto dende o luns 2 ata o venres 6 de marzo, ambos os dous incluídos, en horario de 8.30 a 14.00 horas, nas oficinas xerais do Concello de Rois. A inscrición deberá realizarse obrigatoriamente de xeito presencial. No momento de formalizar a anotación será preciso presentar o DNI, a tarxeta sanitaria e o xustificante de pagamento, agás no caso das persoas que opten por aboar o importe con tarxeta directamente no Concello. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.