O Concello de Rois executou as obras de mellora de dous camiños municipais na parroquia de Ermedelo, concretamente nos lugares de Busto e de Martelo, grazas á subvención concedida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Xunta de Galicia, no marco do Plan Camiña Rural 2025-2026.

A actuación contou cunha axuda pública de 67.356,90 euros, destinada á mellora da rede viaria municipal para favorecer a accesibilidade, incrementar a seguridade viaria e garantir unhas mellores comunicacións no rural.

Os traballos consistiron na renovación e acondicionamento de dous camiños que presentaban un avanzado estado de deterioro debido ao paso do tempo e ao uso continuado. As obras permitiron mellorar o firme e a drenaxe, así como reforzar a plataforma dos viarios, proporcionando unhas condicións de circulación máis cómodas e seguras tanto para a veciñanza como para os vehículos agrícolas e de servizo.

No camiño de Busto leváronse a cabo actuacións de acondicionamento da plataforma, mellora da drenaxe e reforzo do firme, ademais da adecuación da zona da ponte existente. Pola súa banda, no camiño de Martelo realizouse a renovación do pavimento mediante a execución dun novo firme, mellorando de forma notable as condicións de circulación neste viario.

Con esta intervención, o Concello de Rois continúa avanzando na mellora das infraestruturas municipais, prestando especial atención á conservación da rede de camiños rurais, fundamental para garantir a mobilidade diaria da veciñanza e apoiar a actividade agrícola e gandeira do municipio.