Baixo o título Natureza e cultivos: flores, hortas e xardíns, o Concello de Rois pon en marcha un novo programa formativo que ten como obxectivo promover o respecto polo medio natural e fomentar prácticas sostibles entre a veciñanza. A iniciativa inclúe catro cursos prácticos que se desenvolverán entre novembro e xaneiro e que abranguen diferentes ámbitos relacionados coa arte floral, o uso responsable de produtos fitosanitarios, a fruticultura e a horticultura ecolóxica. As inscricións estarán abertas a partir do mércores 15 de outubro.
Dirixidos a persoas de todas as idades interesadas no coidado da terra, a xardinería e a produción responsable de alimentos, este novo ciclo formativo organizado polo Concello de Rois combinará contidos teóricos e prácticos e estará impartido por profesionais especializados. As prazas son limitadas e terá prezos accesibles para facilitar a participación do maior número de persoas.
O primeiro dos cursos, de arte floral ornamental, desenvolverase os venres 7, 21 e 28 de novembro, e 5 e 12 de decembro, en horario de 19.00 a 21.00 horas. Ao longo destas sesións, as persoas participantes aprenderán a crear centros, coroas e grilandas con temáticas de Nadal, empregando técnicas novas e variadas que lles permitirán dar renda solta á súa creatividade e mellorar as súas habilidades decorativas. O prazo de inscrición permanecerá aberto do 15 ao 31 de outubro e o custo é de 25 euros.
Tamén durante o mes de novembro terá lugar o curso de produtos fitosanitarios, dirixido a quen desexe obter o carné oficial homologado pola Xunta de Galicia e válido en toda España. O curso desenvolverase tanto en Rois (días 22, 23, 29 e 30 de novembro) como en Urdilde (días 8, 9, 15 e 16 de novembro) de 8.00 a 15.00 horas. A matrícula, que inclúe a tramitación e as taxas para a expedición do carné, ten un prezo de 125 euros, e as inscricións poderán formalizarse do 15 ao 22 de outubro.
Xa en xaneiro, o Concello ofrecerá dous novos cursos centrados na práctica agrícola. Por unha banda, o curso de fruticultura, poda e enxertos impartirase os sábados 10, 17, 24 e 31 de xaneiro, de 10.00 a 12.30 horas. As persoas asistentes poderán coñecer os distintos tipos de poda e de enxerto, aprenderán a identificar enfermidades e pragas comúns e realizarán prácticas na horta para aplicar os coñecementos adquiridos. O custo será de 25 euros e as inscricións poderán realizarse do 15 de outubro ao 20 de decembro.
Pola outra, o curso de horticultura ecolóxica, que se celebrará os venres 9, 16, 23 e 30 de xaneiro, de 16.30 a 19.00 horas, ofrecerá unha introdución ás técnicas de cultivo respectuosas co medio ambiente. O programa inclúe temas como a saúde e biodiversidade dos solos, os fertilizados e acolchados naturais, a asociación de cultivos e o control ecolóxico de enfermidades e pragas mediante remedios naturais. Tamén se realizarán prácticas de cultivo en camallón. O prezo será de 25 euros, e o prazo de inscrición estará aberto do 15 de outubro ao 20 de decembro.
As inscricións poden facerse en persoa no edificio multiúsos e no concello, telemáticamente a través da páxina web www.rois.gal (apartado xestións e trámites, formularios de trámites, inscrición actividades municipais socioculturais e servizos sociais) e por teléfono nos números 981 816 061 (Concello) e 981 804 109 (multiúsos). Terán preferencia as persoas empadroadas en Rois.
Este novo ciclo formativo enmárcase na aposta do Concello de Rois por fomentar o respecto polo medio natural, promover prácticas agrícolas sostibles e ofrecerlle á veciñanza oportunidades de aprendizaxe práctica e de ocio saudable.

















