O Concello de Rois está a facer un esforzo económico considerable na recollida e o coidado de animais abandonados no termo municipal, na súa maioría cans e gatos. Segundo explica o alcalde, Ramón Tojo Lens, esta actuación custoulle ás arcas municipais 44.710,71 euros durante o ano pasado, un 75% máis que o ano anterior, en boa parte debido a que a normativa obriga aos concellos á manutención dos animais.
A empresa XEA (Xestión Ética do Abandono), encargada do servizo de recollida de animais abandonados contratada polo Concello de Rois, rescatou e coidou nas súas instalacións máis de sesenta animais ao longo de 2022, na súa maioría cans.
A Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, que está en vigor desde 2018, obriga a tratar o abandono de xeito ético e responsable, acollendo os animais abandonados, coidándoos e buscándolles un novo fogar. A responsabilidade do funcionamento deste servizo é municipal desde a aprobación da devandita norma, o que obriga á administración local a facerse cargo dos gastos de manutención e dos coidados destes animais (veterinario, desparasitación, etc.) ata que alguén os adopte, xa que non poden ser sacrificados. Os animais recollidos no municipio de Rois permanecen nas instalacións da empresa XEA recibindo uns coidados e unha alimentación axeitada, ademais dos tratamentos necesarios no caso de atoparse en mal estado de saúde, algo que adoita ser habitual.
O alcalde de Rois, Ramón Tojo, fai un chamamento á responsabilidade da cidadanía para erradicar o abandono dos animais de compañía e pide que se denuncien as condutas que sexan impropias. Recorda que é misión de todos e de todas erradicar o abandono de animais domésticos, un comportamento que non é só cruel, reprobable e ilegal, senón que xera tamén un importante custe que deben afrontar as arcas municipais.
Ramón Tojo incide en que a partida destinada ao coidado de animais abandonados estivo cerca de duplicarse o ano pasado, cando se chegou aos 44.710,71 euros fronte aos 25.586 euros do ano 2021.