En Rois cremos que o mellor agasallo que se pode abrir son as páxinas dun libro. Por iso, as bibliotecas dos nosos colexios e a Biblioteca Municipal coordináronse de novo para presentar unha selección especial de lecturas para todas as idades.

Esta iniciativa persegue un dobre obxectivo: por unha banda, reforzar o hábito da lectura entre nenas, nenos e mocidade durante o período vacacional; e, pola outra, servir de orientación ás familias á hora de escoller libros como agasallo nestas datas. Para facilitar a súa consulta, os títulos están organizados por idades e niveis educativos, cunha selección variada e adaptada a diferentes intereses lectores.

Dende o Concello de Rois queremos poñer en valor, un ano máis, o compromiso e o traballo do profesorado e das persoas responsables das bibliotecas escolares, cuxa implicación resulta fundamental para manter viva esta proposta ano tras ano.

Así mesmo, lembramos que a Biblioteca Pública Municipal de Rois manterá o seu servizo durante as vacacións de Nadal, en horario de 10.00 a 13.00 horas, de luns a venres, permanecendo pechada nos días festivos, como é habitual.

A guía de lectura de Nadal 2025 pode descargarse no arquivo adxunto.

Agardamos que sexa do voso interese e que estas festas veñan cheas de boas lecturas.