Campaña de Apego polo Nadal

O Concello de Rois, a través do departamento de Normalización Lingüística, comezou a repartir entre os nenos e nenas do municipio materiais da campaña de Nadal de Apego, unha iniciativa que busca fomentar o uso do galego e reforzar os vínculos co idioma propio durante estas datas tan especiais.

O material inclúe unha carta aos seres máxicos do Nadal, ilustrada coas imaxes do Apalpador, de Papá Noel e dos Reis Magos, que os pequenos e pequenas poden personalizar para escribir os seus desexos de Nadal. Ademais, acompáñase dun recortable que propón unha orixinal lista de agasallos para pegar na carta centrada nos valores e na creatividade, con palabras e frases como “Alegrías”, “Xogar con mamá”, “Xogar con papá”, “Saúde”, “Bicos”, “Máis galego”, “Apertas”, “Apego”, “Risas”, “Contos contados” e “Aloumiños”.

Esta acción enmárcase no programa Apego, un proxecto colectivo no que participan diversos concellos galegos, entre eles o de Rois, e que está dirixido ás familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, así como ao persoal de espazos de socialización infantil como escolas infantís e ludotecas. A través de recursos, materiais e actividades, Apego traballa para potenciar o galego como lingua de referencia desde as primeiras etapas da vida.