Cartel do Concurso de Tarxetas de Nadal 2025

O Concello de Rois O Concello de Rois abre a convocatoria do Concurso de Tarxetas de Nadal 2025, unha iniciativa que busca fomentar a creatividade entre o alumnado dos centros educativos do municipio e, ao mesmo tempo, escoller a tarxeta que ilustrará a felicitación institucional deste Nadal.

O certame está dirixido a todo o alumnado de educación infantil e primaria dos colexios do Pumar e dos Dices e da escola infantil, que poderá participar de maneira individual ou en grupo. Cada traballo deberá ser orixinal e inédito, elaborado autonomamente polos nenos e nenas —agás na categoría destinada á participación con persoas adultas—, e presentado en tamaño A5 (15 x 21 cm). As técnicas son totalmente libres: ilustración, fotografía, colaxe ou calquera outra proposta artística. No caso de incluír texto, deberá estar escrito en lingua galega.

Os traballos deberán entregarse en papel nos propios centros educativos, acompañados dunha folla cos datos da alumna ou alumno participante —nome e apelidos, curso, teléfono de contacto e centro escolar—. O prazo de presentación remata o xoves 11 de decembro, día no que se recollerán todas as obras.

O concurso establece seis categorías, con premios para cada unha delas:

  • 1º a 3º de educación infantil
  • 4º a 6º de educación infantil
  • 1º e 2º de primaria
  • 3º e 4º de primaria
  • 5º e 6º de primaria
  • Traballos realizados coa colaboración de persoas adultas

Entre os traballos premiados nas categorías infantís e de primaria escollerase a tarxeta que se converterá na felicitación institucional do Concello de Rois neste Nadal. O resto dos escolares participantes recibirán un diploma acreditativo.

O Concello de Rois resérvase os dereitos de utilización e difusión dos traballos premiados. Os orixinais serán devoltos aos centros á volta das vacacións.

Tes a túa disposición nos arquivos adxuntos as bases e a plantilla do Concurso de Tarxetas de Nadal. Tamén podes consultalas premendo nas ligazóns.