• Felicitará as festas coa tarxeta navideña que resulte gañadora

  • O certame de narración ten modalidades escrita e oral

O Concello de Rois vístese xa de Nadal e convida ao alumnado dos centros escolares do municipio a pensar tamén nestas datas que se aveciñan participando en dous concursos diferentes, un de postais e outro de contos.

O certame de tarxetas navideñas servirá para que o Concello seleccione a postal coa que felicitará as festas. Poderá participar no mesmo todo o alumnado de infantil e de primaria da Galiña Azul e dos colexios dos Dices e de Urdilde. A participación pode ser individual ou colectiva e os concursantes teñen plena liberdade para darlle renda solta á súa creatividade e empregar a técnica que consideren máis axeitada. Os únicos requisitos a ter en conta son o tamaño do traballo (din A5, medio folio) e que deben ser orixinais e inéditos.

Os traballos entregaranse en papel nos propios centros educativos e irán acompañados dunha folla na que figuren os datos do concursante: nome e apelidos, centro educativo, curso e un teléfono de contacto. O prazo remata o venres 11 de decembro.

Concurso Postais

Premiarase a mellor creación en cinco categorías: de 1º a 3º de infantil; de 4º a 6º de infantil; de 1º e 2º de primaria; de 3º e 4º de primaria e de 5º e 6º de primaria. Entre estes, seleccionarase a postal coa que o Concello felicitará as festas e os outros catro empregaranse para anunciar os actos programados durante o Nadal. O resto de participantes recibirá un diploma acreditativo.

O concurso de contos, impulsado desde as bibliotecas escolares en colaboración coa biblioteca municipal, establece dúas modalidades: unha de narración escrita e outra oral. Pode participar todo o alumnado matriculado en centros educativos de Rois e, para facelo, terá que achegar ben un texto escrito (en papel ou por correo electrónico) ou ben un arquivo sonoro ou audiovisual.

Os textos en papel entregaranse nos centros educativos. O alumnado de Urdilde tamén pode enviar os arquivos dixitais por WhatsApp ao teléfono do colexio (650 485 787). O resto dos traballos dixitais enviaranse por correo electrónico ao enderezo cultura@rois.es ou por WhatsApp ao teléfono do Concello de Rois 650 485 787.

Pode participar todo o alumnado, de xeito individual ou colectivo, cos únicos requisitos de facer o seu traballo en galego e que sexa orixinal e inédito. O prazo de presentación finaliza o martes 15 de decembro.

Os mellores traballos serán premiados en sete categorías, ao sumar ás anteriores o alumnado de 1º e 2º de ESO e de 3º e 4 de ESO.

As bases poden consultarse nos arquivos adxuntos.