O Concello de Rois vén de facer pública a convocatoria do concurso de carteis do Santo Isidro Labrador para promocionar as festas patronais do municipio. Neste certame poden participar persoas maiores de 14 anos (cumpridos antes do 31 de decembro de 2021). As técnicas a utilizar son libres, se ben a temática está clara: enxalzar o municipio de Rois e as súas festas. Cada participante poderá presentar dous traballos, que terán formato vertical. 

Debido a pandemia da covid-19 recoméndase enviar as obras por correo electrónico antes do venres 22 de abril, ás 14.00 horas. Os carteis deberán ter formato A3 vertical (29.7×42) e tamén se poden entregar presencialmente no concello ou mandalo por correo postal. O premio que o Concello outorgará ao gañador é de 120€

No deseño deberá figurar, de forma visible e destacada, a inscrición en galego: Festas de S. Isidro Labrador 2022. O cartel gañador deste concurso será o que promociones as festas deste ano. As bases de cada un destes certames poden consultarse na web do Concello de Rois.

As bases íntegras do concurso de carteis do Santo Isidro 2022 poden lerse a continuación ou consultarse no arquivo adxunto. O formulario de inscrición para participar no concurso tamén se pode descargar no arquivo adxunto

Bases do concurso de carteis do Santo Isidro 2022

O Concello de Rois convoca o CONCURSO DE CARTEIS para seleccionar a imaxe oficial das festas patronais do S. Isidro Labrador 2022, festa supeditas á evolución da Covid19.

PARTICIPANTES
Poderán participar todas as persoas a partir dos 14 anos feitos antes do 31 de decembro de 2021. Cada participante poderá presentar un máximo de 2 traballos.

O concurso pretende estimular a creatividade e a participación e fomentar a difusión da festa.

CONDICIÓNS XERAIS

As técnicas son libres e contribuirán a enxalzar o municipio de Rois e as súas festas patronais do S. Isidro.

O cartel deberá adoptar forma vertical, cunha superficie imprimible de 29.7×42 cm (tamaño A3).

Dada a situación ante a COVID19, entregarase preferiblemente por medios electrónicos en copia dixitalizada a inscricions@rois.gal.

No caso de entregalo fisicamente presentarase centrado e montado sobre un cartón pluma de 32×44 cm.

Nos orixinais terá que figurar, de forma moi visible e destacada pola disposición e o tamaño das letras, a inscrición en galego: FESTA DE S. ISIDRO LABRADOR 2022.

No traballo gañador incluiranse posteriormente os escudos oficiais das administracións públicas que no seu momento sexan achegados polos técnicos municipais, así como outra información relativa ao programa.

Os carteis acompañaranse coa seguinte documentación:

  • Boletín de inscrición debidamente cumprimentado: datos persoais, breve explicación da temática e da técnica do cartel e declaración xurada conforme a obra é orixinal.
  • Fotocopia do DNI, NIE ou pasaporte.

No caso de entrega física, presentaranse debidamente embalados e irán acompañados dun sobre pechado que conterá, en formato papel a documentación anterior. Na parte externa da embalaxe do cartel e no sobre figurará CONCURSO DE CARTEIS. S. ISIDRO LABRADOR 2022.

Non serán admitidos a concurso aqueles traballos que inciten ou fomenten a violencia, o racismo, a xenofobia e calquera outra forma de discriminación ou que atente contra a dignidade humana.

A ausencia de datos ou a súa inexactitude poden dar lugar, no seu caso, á exclusión da participación no concurso.

PRAZO E LUGAR DE PRESENTACIÓN

As obras poderán presentarse desde o día seguinte á publicación da presente convocatoria na páxina web municipal (www.rois.gal) ata o venres 22 de abril de 2022 ás 14.00 h.

Preferentemente entregarase por correo electrónico no enderezo inscricions@rois.gal.

Se se opta por presentación presencial ou por enderezo postal a: CONCELLO DE ROIS. Concurso de carteis S. Isidro 2022. Lugar de Samil 1, Oín. 15911 Rois (A Coruña)

No caso de envío por correo postal, a documentación deberá conter un selo de Correos coa data de envío como xustificante de que se presentou en prazo.

PREMIO
Outorgarase un premio único de 120,00€. O premio poderá declararse deserto polo xurado.

A persoa gañadora, que será avisada telefonicamente, terá a obriga de asinar o traballo e envialo en formato imprimible, quedando a obra premiada en propiedade do Concello de Rois para todos os efectos, incluso para casos de reprodución e exposición, nos que se fará constar o nome do autor ou autora.

XURADO
O Concello de Rois nomeará un xurado que estará presidido polo señor alcalde ou concelleiro/a en quen delegue e por persoas relacionadas co mundo da arte e do deseño, en número non inferior a tres.

Na resolución do concurso o xurado terá en conta a calidade artística do orixinal, a idoneidade como cartel e a expresividade representativa da festa patronal.

O autor ou autora do traballo premiado convocarase coa debida antelación ao acto de entrega de premios.

DEVOLUCIÓN DOS TRABALLOS

Cando os carteis se entreguen en man, cada concursante recibirá un resgardo da obra que presenta a concurso, que precisará para retirala unha vez que este finalice, no caso de que non resultase premiada.

Os carteis que se reciban por correo serán devoltos ao seu autor, se así o solicita, a portes debidos. O Concello non se fai responsable das deterioracións que poidan sufrir as obras presentadas durante o tempo que estean no seu poder.

O prazo para retiralos é de dous meses a partir da resolución do premio. Transcorridos 30 días naturais a contar desde este prazo, as obras non retiradas pasarán a ser propiedade do Concello de Rois.

RESPONSABILIDADE

O Concello de Rois non se responsabiliza dos contidos dos traballos presentados, así como da perda ou deterioración das obras. Os/as concursantes responsabilizaranse totalmente de que non existen dereitos de terceiros nas obras presentadas, así como a renuncia a toda reclamación por dereitos de imaxe.

CONFORMIDADE
A participación neste concurso implica a plena conformidade e aceptación das bases, así como as decisións tomadas polo xurado e a súa interpretación.