O Concello de Rois abre a convocatoria para o concurso de carteis da Festas de S. Isidro 2025, unha iniciativa que busca fomentar a creatividade e a participación veciñal, ademais de contribuír á promoción desta celebración tradicional.
O certame está dirixido a persoas que teñan cumpridos os 14 anos antes do 31 de decembro de 2024, permitíndolles presentar ata dous traballos. As propostas deberán ter formato vertical e tamaño A3, incorporando obrigatoriamente a inscrición “FESTA DE S. ISIDRO LABRADOR 2025” de maneira visible.
As técnicas de deseño son libres, pero os carteis deben reflectir o espírito das festas patronais de Rois. Poderán presentarse en formato dixital a través do correo inscricions@rois.gal ou de maneira física (no Concello de Rois, con enderezo no Lugar de Samil 1, Oín. CP 15911 Rois (A Coruña), montados sobre cartón pluma, na sede do Concello de Rois. En caso de envío postal, deberase incluír un selo de Correos coa data de envío como xustificante de prazo.
O prazo para a recepción de traballos estará aberto ata o venres 11 de abril de 2025 ás 14:00 horas. O xurado, composto por expertos no ámbito da arte e do deseño, valorará a calidade artística, a idoneidade como cartel e a capacidade de representación da festividade.
O cartel gañador converterase na imaxe oficial das festas e o seu autor ou autora recibirá un premio de 200 euros. Ademais, o traballo premiado pasará a ser propiedade do Concello de Rois, podendo ser reproducido e difundido en distintos soportes de comunicación.
As bases e as follas de inscrición poden descargarse nos arquivos adxuntos.