As escolas deportivas e culturais do Concello de Rois clausuraron hoxe o curso 2022-23 nun acto no que participaron 167 alumnos e alumnas e que se celebrou nunha intensa xornada nos polideportivos de Urdilde e de Rois así como no auditorio municipal. 

O peche das actividades comezou pola mañá coas exhibicións deportivas en Urdilde nas que a cativada amosou todo o aprendido nos últimos meses da man dos seus adestradores e adestradoras de patinaxe artística, tenis e iudo. 

O alcalde, Ramón Tojo, e a concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Basante, desfrutaron xunto aos familiares das diferentes actuacións antes de facer entrega a cada participante dun diploma e dun doce co escudo do Concello confeccionado para a ocasión pola Panadería San José. 

O propio alcalde agradeceu o detalle da pastelería local que tivo unha gran acollida entre os nenos e nenas e que se repartiu tamén entre o alumnado e o profesorado do CEIP O Pumar como xesto de recoñecemento pola súa axuda e colaboración ao longo de todo o ano. 

Urdilde tamén acolleu a exposición fotográfica dos traballos realizados en cociña e informática. 

Xa pola tarde, a festa de clausura trasladouse ao pavillón de Rois coas exhibicións de ximnasia rítmica, tenis, baloncesto, baile deportivo, iudo e patinaxe artística.

A partir das 19.00 horas, no auditorio municipal, celebrouse ademais o fin de curso das actividades culturais no que o alumnado das clases de inglés fixo diferentes actuacións e o grupo de teatro municipal Vacalouras estreou a obra ‘Por arte de maxia’.

As partidas simultáneas de xadrez e as exposicións do Multiobradoiro de arte e creatividade, dos traballos de mecanografía e cociña e ArroRois de animación á lectura tamén formaron parte da festa.

O concelleiro José Luis Ares e as concelleiras Mercedes Basante e Victoria Quiroga entregaron diplomas a todos os participantes nas diferentes actividades antes de rematar a xornada cunha merenda.