O Concello de Rois conmemora o Día Internacional da Muller Rural (15 de outubro) xuntando a directivas das tres asociacións que hai no municipio para poñer en valor o importante papel que segue desempeñando a muller no rural, lembrar moitos dos éxitos acadados e comprobar que as novas xeracións están dando un paso adiante para pórse á fronte de explotacións e negocios e integrarse nas xuntas directivas.

Rois foi pioneiro no movemento de empoderamento da muller rural. En 1986 fundábase a Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde, a primeira de Galicia e unha das primeiras de España, que hoxe ten 290 asociadas. En 1990 nacía a Asociación de Mulleres Rurais de Ermedelo, con preto de 50 socias actualmente e que foi a primeira en organizar un curso para mulleres no centro de formación de Sergude (Boqueixón). En 1994 creábase a Asociación de Ama de Casa de Rois, que hoxe conta cunhas 145 socias. Nas tres asociacións de Rois xúntanse máis de 450 mulleres, xa que algunhas están en varias.

“Hoxe compartimos traballos cos homes, e xa levamos o peso das explotacións, na coordinación, na facturación, no trato cos provedores e tomando decisións. Case sempre fomos titulares das granxas, pero hoxe damos máis a cara. Antes era ao revés”, aseguran María Boullón e Victoria Quiroga, directivas das asociacións de Ermedelo e das Amas de Casa, respectivamente.

Se nun primeiro momento o papel destas asociacións era o de fomentar que a muller saíra da casa, se formara, puidera compartir intereses e viaxar, hoxe teñen máis un “papel dinamizador e socializador, para seguir manténdonos en contacto”, indican Teresa Budiño e Isabel Suárez, que se acaban de incorporar as directivas das Amas de Casa de Urdilde, respectivamente. “Organizamos máis actividades conxuntas ca os homes, cando antes era ao revés. Participamos nas actividades que organiza o Concello, e xogamos un papel fundamental na comunicación, no intercambio e difusión de información coa veciñanza a través dos nosos grupos de whatsapp”, engaden Carmen García, María José Lamas e Teresa Martínez. Lembran que hai socias de 85 e 95 anos que seguen acudindo a algunha das xuntanzas que se organizan anualmente.

Aínda que o actual ritmo de traballo o dificulta, as novas xeracións estanse a incorporar ás xuntas directivas. “É fundamental para garantir a continuidade das asociacións, a convivencia interxeneracional e seguir mantendo este importante traballo dos colectivos”, engade Sandra Blanco, da directiva de Urdilde. Na asociación de Ermedelo está previsto que o relevo se produza nos vindeiros meses.

Durante o café que compartiron no Fogar do Selmo trece directivas das tres asociacións tamén deixaron patente o importante papel da muller no tecido produtivo de Rois. “Hoxe hai comercios de referencia no municipio dirixidos por mulleres”. Ademais de moitos pequenos negocios, establecementos como Alimentación Marga, Alimentación Primas Bentrón, Agroesparís, Agronovo ou a panificadora San José teñen mulleres á fronte.

As últimas incorporación ás xuntas directivas. Pola esquerda: Victoria Quiroga e María Teresa Budiño (A. Amas de Casa), Sandra Blanco, Isabel Suárez e Teresa Martinez (A. Mulleres Rurais de Urdilde)