O Concello de Rois inicia unha campaña de compostaxe doméstica e anima veciñanza a inscribirse neste proxecto de loita contra o cambio climático. A compostaxe doméstica axuda tanto a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible como a reducir a pegada de carbono.
O Concello pretende, con esta aposta pola compostaxe, que os residuos orgánicos xa non cheguen aos colectores da rúa, pechando así o ciclo da materia orgánica nos propios fogares.
A iniciativa conta co financiamento da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
O seguimento da campaña prolongarase durante un ano e nela participa O Camiño Sostible. Esta asociación sen ánimo de lucro ten como obxectivo crear e fortalecer unha rede de persoas e entidades que compartan e divulguen as súas experiencias, proxectos e esforzos por vivir nun mundo máis sostible.
Participar no programa é de balde e abonda con completar un formulario en liña que podes atopar neste enlace ou enviar unha mensaxe ao enderezo electrónico biorresiduos@elcaminosostenible.org.
Unha vez realizada a inscrición, contactarase vía telefónica para proceder á instalación do composteiro na casa. O día da instalación recibiran unha breve formación por parte dun experto en compostaxe. Durante todo o ano darase seguimento ao programa, facendo visitas aos fogares, enquisas e formación continua.
A veciñanza terá á súa disposición o número de teléfono 690 145 190 (chamadas e WhatsApp) e o enderezo electrónico biorresiduos@elcaminosostenible.org para resolver calquera tipo de dúbida. Este servizo é atendido por un biólogo experto en compostaxe.O único requisito para formar parte deste programa é ser veciño/a do Concello, ter un pequeno xardín ou terreo e estar disposto/a e motivado/a para formar parte deste proxecto educativo e formativo.