Con motivo da tradicional festa de San Xoán, o Concello de Rois abre o prazo para solicitar a realización de cacharelas e fai pública a normativa e as medidas preventivas adoptadas ao respecto.

Así, aquelas persoas, asociacións, organizacións e comunidades que desexen realizar unha cacharela deberán presentar o modelo de solicitude (anexo nesta nova) debidamente cuberto antes das 14.00 horas do luns 22 de xuño. Pódese entregar no Concello ou ben enviarse ao enderezo electrónico correo@rois.es.

Con motivo da crise sanitaria da COVID-19 e de acordo coas medidas hixiénico-sanitarias establecidas polas distintas administracións, o Concello de Rois vincula a autorización para as cacharelas do San Xoán ás normas hixiénico-sanitarias e de número de persoas permitido pola normativa estatal e autonómica.