O Concello de Rois vén de convocar a edición 2026 do Concurso de Carteis do Día da Muller, iniciativa dirixida a todo o alumnado dos centros educativos do municipio co obxectivo de fomentar a reflexión e a concienciación arredor da igualdade de xénero a través da expresión artística. Os traballos premiados servirán para anunciar os actos institucionais que se levarán a cabo co gallo do 8M.
O certame busca sensibilizar a cativada e a mocidade sobre os dereitos das mulleres e das nenas como parte indivisible dos dereitos humanos universais, sobre a plena participación da muller en condicións de igualdade en todos os ámbitos da vida e sobre a necesidade de erradicar calquera forma de discriminación baseada no xénero.
Poderá participar todo o alumnado dos centros educativos do concello de Rois, de maneira individual ou grupal. Os traballos deberán ser orixinais e inéditos e terán que realizarse en tamaño A3 ou A4, e acompañarse obrigatoriamente dun lema ou texto curto en lingua galega alusivo á conmemoración do Día da Muller. A técnica artística (ilustración, fotografía, colaxe, etc.) queda á elección dos participantes.
Os carteis presentaranse nos propios centros educativos xunto coa folla de inscrición cuberta cos datos do alumnado participante e do centro correspondente. O prazo de presentación remata o mércores 25 de febreiro, data na que se procederá á recollida dos traballos.
O concurso contempla a entrega de dous premios en cada unha das nove categorías establecidas por idades: de 1º a 3º de infantil, de 4º a 6º de infantil, 1º e 2º de primaria, 3º e 4º de primaria, 5º e 6º de primaria, 1º e 2º de ESO e 3º e 4º de ESO. Os carteis premiados serán utilizados para anunciar os actos programados polo Concello de Rois con motivo do Día da Muller, mentres que o resto das persoas participantes recibirán un diploma acreditativo.
No xurado terán representación o Concello, as asociacións de mulleres de Rois, o profesorado dos centros educativos participantes, as ANPAs e a Mesa Local contra a Violencia de Xénero.
Accede aquí ás bases e ao formulario de inscrición ou no arquivo que acompaña esta nova.

















