O Concello de Rois anuncia a apertura das inscricións para os Cursos de Inverno 2024, unha iniciativa que ofrece unha variada programación formativa destinada á veciñanza nos vindeiros meses de decembro e xaneiro. As actividades levaranse a cabo no Edificio Multiúsos de Rois e nos locais sociais de diversas parroquias, cunha oferta que inclúe habilidades prácticas e formación dixital.

Entre a oferta inclúese un curso de Iniciación á micología para a identificación de cogomelos impartido por Jaime Blanco, experto micólogo e presidente da Asociación Micolóxica Brincabois. Celebrase os venres 13 e 20 de decembro de 20:00 a 22:00 horas e os sábados 14 e 21 de decembro de 11:00 a 14:00 horas. Terá unha duración de 10 horas e un custo de 20 euros.

Tamén a veciñanza poderá formarse na Iniciación á Fotografía con cámara analóxica. O obxectivo é aprender o seu uso, empregando axustes, encadres e edición de imaxes. Desenvolverase os venres do mes de decembro de 18:00 a 20:00 cunha duración de 30 horas. O prezo é de 30 euros.

Outro dos cursos que se ofertan é o de Uso da cámara do móbil, enfocado en optimizar o emprego do teléfono cunha introdución aos axustes e ás técnicas básicas de fotografía. Será os martes do mes de decembro de 20:00 a 22:00 horas, ata completar as 30 horas, cun prezo de 30 euros.

Tamén para sacar afondar na tecnoloxía, o Concello de Rois ofrece un curso sobre o Uso de aplicacións no teléfono móbil. Trátase dunha sesión única de dúas horas na que se poderá aprender sobre o manexo de aplicacións de utilidade, incluíndo a aplicación Liña Verde para comunicación de incidencias. Desenvolverase un sábado de decembro pola mañá nos locais veciñais e sociais da rede de asociacións municipais cun custo de 5 euros.

Para as persoas que desexen saber máis sobre o manexo do paquete Office e internet tamén o programa oferta un curso de Iniciación á Informática que se realizará os martes do mes de decembro de 18:00 a 20:00, ata completar 30 horas, cun prezo de 30 euros.

O sexto curso que se ofrece é o de Cociña e repostería a partir do 20 de xaneiro, onde se poderá aprender receitas e técnicas culinarias. A organización aporta tanto os alimentos como os utensilios. Os horarios desta actividade serán os xoves en Rois de 17:00 a 19:00 horas; os luns en Urdilde, de 17:00 a 19:00 horas; e os martes en Ermedelo, de 16:00 a 18:00 horas, e en Ribasar, de 19:00 a 21:00 horas. A duración é de 12 horas e o custo de 25 euros.

Inscricións e información

As inscricións están abertas desde hoxe luns 4 de novembro ata o luns día 25. As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas en participas deben chamar ao teléfono 981 816 061 ou acceder ao formulario en liña dispoñible premendo nesta ligazón

O Concello de Rois resérvase o dereito a modificar ou suspender as actividades no caso de non acadar un número mínimo de participantes.

Animamos a toda a veciñanza a aproveitar estes Cursos de Inverno para mellorar as súas habilidades e participar activamente na comunidade.