Cartel das Mañás Entroideiras 2023

O Concello de Rois abre mañá, xoves 19 de xaneiro, o prazo de inscrición para o campamento Mañás Entroideiras, destinado a favorecer a conciliación das familias do municipio con menores escolarizados a partir de cuarto de educación infantil. As actividades desenvolveranse en Rois e Urdilde coincidindo coas vacacións de Entroido nos centros educativos, do 20 ao 22 de febreiro, en horario de 9.30 a 14.30 h. A maiores, o servizo de amencer recibirá os nenos e nenas dende as 7.30 horas.

O prezo das Mañás Entroideiras é de 5€, sen amencer, e de 10€ con este servizo. O Concello contempla bonificacións do 5% para o segundo/a irmán/á participante e tamén para familias numerosas.

Aquelas familias que estean interesadas en participar neste campamento de conciliación de tres días de duración poderán anotarse a través do formulario en liña dispoñible na páxina web municipal, na sección de xestións e trámites, neste enlace. O prazo de inscrición vai do xoves 19 de xaneiro ao venres 3 de febreiro.

Pódese solicitar máis información no edificio multiúsos de Rois (981 816 061) ou enviando un mail a inscricions@rois.gal.