Cartel do Diverentroido 2026

O Concello de Rois abre o prazo de inscrición do Diverentroido, o servizo  de conciliación dirixido a familias con nenas e con nenos en idade escolar que se desenvolverá durante as vacacións de Entroido e que inclúe actividades lúdicas como xogos, deportes, manualidades ou música.

O programa levarase a cabo os días 16, 17 e 18 de febreiro, tanto en Rois como en Urdilde, en horario xeral de 9.30 a 14.30 horas. Ademais, para aquelas familias que o precisen, estará dispoñible o servizo de amencer dende as 7.30 horas.

O prezo do DiverEntroido é de 18 euros sen amencer e de 19,5 euros no caso de facer uso deste servizo. Sobre estes prezos, o Concello contempla bonificacións dun 15% na matrícula a partir da/o segunda/o filla/o, no caso de ser familias numerosas ou monoparentais ou se algún dos membros do núcleo familiar ten unha discapacidade recoñecida de máis do 33%.

As familias interesadas no Diverentroido poden formalizar a inscrición a través do formulario en liña dispoñible na páxina web municipal www.rois.gal, no apartado de formularios e trámites, ata o luns 9 de febreiro. Tamén a través da seguinte ligazón:

formulario de inscrición no Diverentroido 2026

Para máis información, poden dirixirse ao edificio multiúsos de Rois, chamar ao teléfono 981 816 061 ou enviar un correo electrónico a inscricions@rois.gal.