AS familias con cativada en idade escolar poden facer xa a inscrición no DiverPascua, campamento con actividades que combinan a aprendizaxe e o lecer co que o Concello de Rois quere facilitar a conciliación durante as vacacións de Semana Santa.
O DiverPascua estréase este ano para completar a oferta de conciliación durante todos os periodos de vacacións, sumándose ao DiverVerán, o DiverNadal e o DiverEntroido.
As actividades desenvolveranse en Rois e en Urdilde os días 14, 15 e 16 de abril, en horario de 9.30 a 14.30 horas. A maiores, para aquelas familias que o precisen estará dispoñible o servizo de amencer dende as 7.30 horas.
O prezo do DiverPascua é de 18€ sen amancer, e de 19,5€ con este servizo. As familias poderán desfrutar dun 15% de bonificación na matrícula partir da/o segunda/o filla/o, se son familias numerosas ou monoparentais ou se algún dos seus membros ten unha discapacidade recoñecida de máis do 33%.
Aquelas familias que estean interesadas en participar neste campamento de conciliación de tres días de duración pódense anotar a través do formulario en liña dispoñible na páxina web municipal, na sección de xestións e trámites. O prazo de inscrición rematará o luns 7 de abril.
Pódese solicitar máis información no edificio multiúsos de Rois (981 816 061) ou enviando un mail a inscricions@rois.gal.