Campamento de conciliación DiverPascua 2026

As familias con cativada en idade escolar poden anotarse xa no DiverPascua, o campamento organizado polo Concello de Rois para favorecer a conciliación durante as vacacións de Semana Santa cun programa de actividades educativas e de lecer adaptadas ás diferentes idades.

O campamento terá lugar en Rois e en Urdilde os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril, en horario de 9.30 a 14.30 horas. Ademais, as familias que o precisen poderán facer uso do servizo de amencer, dispoñible dende as 7.30 horas.

O custo da actividade é de 18 euros no horario ordinario e de 19,5 euros con servizo de amencer. Están previstas bonificacións no prezo para familias numerosas, monoparentais e no caso de inscrición de irmáns.

As inscricións deben realizarse a través do formulario dispoñible na páxina web municipal www.rois.gal, nesta ligazón. O prazo permanecerá aberto ata o luns 16 de marzo.

Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao Concello de Rois no edificio multiúsos (981 816 061) ou enviando un mail a inscricions@rois.gal.

O DiverPascua fai parte da programación municipal de conciliación que se desenvolve ao longo de todo o ano e que inclúe tamén o DiverVerán, o DiverNadal e o DiverEntroido, ofrecendo alternativas de ocio educativo nos distintos períodos non lectivos.