O alcalde de Rois, Ramón Tojo, acompañou este luns ao xerente do Servizo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, na visita que este realizou ao centro de día para anunciar a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello e a Xunta destinado a mellorar as instalacións deste servizo de atención diúrna tal e como solicitou o grupo de goberno municipal.
O convenio, que recolle unha achega da Xunta de 30.000 euros, servirá para colocar unha marquesiña na entrada do centro de día, coa fin de que as persoas usuarias poidan resgardarse da chuvia mentres agardan o transporte. Ademais, acometeranse traballos de impermeabilización e pintado da fachada do edificio. A execución de todas estas melloras será levada a cabo polo propio Concello de Rois.
A actuación no centro de día de Rois responde a un programa de melloras e mantemento da rede de centros de día, residencias e vivendas comunitarias dependentes do Consorcio. O obxectivo é que as persoas maiores e dependentes poidan contar cunhas infraestruturas axeitadas coas máximas comodidades.