• O trazado xa foi recoñecido polo Arcebispado e está pendente da validación definitiva da Xunta

  • O alcalde, Ramón Tojo, e Manuel dos Santos consideran que o Camiño supón unha oportunidade para dinamizar o municipio

  • O técnico Sebastián Valverde explicou os pormenores aos representantes do tecido asociativo

O Concello de Rois convocou a representantes do tecido asociativo e veciñal das parroquias de Urdilde e Ermedelo a unha xuntanza co obxectivo de explicarlles o proxecto do Camiño de Santiago pola Ría de Muros-Noia e que puideran coñecer a proposta de trazado e outros aspectos que poden servir para dinamizar turisticamente o norte do municipio.

O técnico da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia, Sebastián Valverde, amosoulles o proxecto de trazado para este camiño, que xa foi recoñecido de forma oficial polo Arcebispado de Santiago e agora está sendo analizado pola Xunta de Galicia de cara a conseguir a súa delimitación e a protección legal correspondente. O alcalde, Ramón Tojo, e o tenente de alcalde e representante de Rois na asociación, Manuel Dos Santos, animaron a veciñanza a aproveitar este trazado para dinamizar o tecido produtivo da zona norte do Concello. “Dende o Concello animámosvos a poñer en marcha iniciativas que poidan axudar aos peregrinos e, ao mesmo tempo, tamén aos vosos negocios, sexan do tipo que sexan”, lles trasladou o alcalde, Ramón Tojo.

Á reunión asistiron representantes de diferentes asociacións de Urdilde, aínda que tamén estaban convocados os de Ermedelo, as dúas parroquias polas que pasa este trazado do Camiño de Santiago. Tamén estivo presente a concelleira de Cultura, Victoria Quiroga. En todo momento se respectaron as medidas de seguridade para evitar a propagación da covid-19.