O Concello acondiciona o Camiño pola Ría de Muros-Noia ao seu paso por Agrafoxo

O Concello de Rois vén de acometer as obras de acondicionamento do Camiño de Santiago pola ría de Muros-Noia ao seu paso polo municipio, concretamente no lugar de Agrafoxo en Urdilde. A actuación de mellora e limpeza do sendeiro para facelo máis transitable realizouse nun tramo do Camiño Real no que había un problema de acumulación de auga.

Mentres, proseguen as accións de promoción desta nova ruta xacobea, oficial dende finais de 2020. Así, deuse a coñecer na feira de turismo internacional Fitur o pasado sábado 22 de maio, coa presentación dun vídeo que relata os fundamentos históricos deste itinerario cultural.

Por outra banda, a prensa fíxose eco da estrea oficial da ruta por parte dos peregrinos Sindo Gandarela e José da Ponte, dous veteranos sendeirisas que obtiveron a súa compostela tras percorrer o trazado en cinco etapas. Segundo recolle La Voz de Galicia, “ambos peregrinos enxalzaron como principal atractivo do Camino de Muros-Noia a fusión entre mar e montaña”, así como as vistas da ría e a riqueza patrimonial.