O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, participou na conmemoración do 15º aniversario do centro de día de Rois.

Rodríguez compartiu a tarde cos maiores que acoden a diario a este recurso municipal e interesouse polas actividades que desenvolven. Tamén coñeceu de preto as instalacións, que dispoñen de 40 prazas específicas de atención diúrna e de espazos diferenciados para o descanso e para programas de prevención da dependencia e do deterioro cognitivo.

Durante a súa intervención, puxo en valor o traballo do persoal do centro, que acompaña día a día ás persoas usuarias e contribúe a mellorar a súa calidade de vida.

No acto estiveron tamén presentes o alcalde de Rois, Ramón Tojo, e a tenente de alcalde, Mercedes Basante, que acompañaron ao xerente do Consorcio nesta data tan especial para o municipio.