O CD Rois levará a cabo no mes de agosto unha iniciativa innovadora. Trátase do ‘I Campus Multideporte’, no que colabora o Concello de Rois. O evento divídese en dúas semanas nas que a cativada entre 4 e 12 anos poderá gozar de diferentes deportes no campo da Braña.
Para inscribirse á actividade, as familias deberán anotarse antes do domingo 28 de xullo, día no que se pecha a inscrición. O ‘I Campus Multideporte’ divídese en dúas quendas: unha primeira entre os días 5 e 9 de agosto, e unha segunda dende o 12 ao 16. O horario do campamento deportivo é de 9.00 a 14.00 horas no campo da Braña, aínda que se ofrece un servizo de ‘madrugadores’, no que se pode comezar máis cedo a xornada cun almorzo nas instalacións, facilitando así a conciliación familiar e laboral dos pais.
A participación nestas actividades non ten requisitos de admisión máis que ter entre 4 e 12 anos e moitos desexos de gozar coa práctica deportiva e compartir ratos de diversión xogando cos compañeiros. Ademais dos bos momentos que pasarán no campus, os rapaces tamén aprenderán diferentes deportes e traballarán a psicomotricidade, coordinación e as súas habilidades, tan relevantes nestas idades.
En canto ao prezo do ‘I Campus Multideporte’, a primeira quenda (5-9 agosto) ten un custo de 35 euros, máis no caso de apuntarse ao servizo ‘madrugador’ aumentarían a 42 euros; mentres que a segunda rolda (12-16 agosto) custa 60 euros e co servizo de almorzo o prezo é de 74 euros. Para facer a inscrición deberase realizar o pagamento, indicando o nome do neno e o concepto de ‘Campus Multideporte’, na conta de ABANCA: IBAN ES89 2080 0328 9030 0006. Tras o pagamento, adxuntarase cuberto o formulario de inscrición, a fotocopia do DNI do participante e o xustificante de pago, previo aviso aos responsables da organización, mediante un dos teléfonos 628 326 147 e 628 326 146, ou vía web na dirección cdrois@gmail.com.