Dez establecementos de hostalería de Rois implicáronse hoxe coa iniciativa do Concello para ofrecer aos seus clientes unha cunca de caldo de gloria con pan de millo para conmemorar o Día de Rosalía. En todos os locais se repartían manteis co poema e os marcapáxinas coa iniciativa Rois con Rosalía. A concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Basante, achegouse ao centro de día de Urdilde para conmemorar a efeméride coas persoas usuarias, que a agasallaron con caldo de gloria, cocido e bolos do pote que prepararon elas mesmas durante toda a mañá
O caldo de gloria volveu triunfar, igual que o pan de millo elaborado pola panadería San José. Os clientes dos diferentes locais consideraron que todo “estaba boísimo”. A Taberna Angueira, a Taberna Casa Benjamín, o Hotel Camiño do Mar, o Mesón A Casiña, a Casa rural Fogar do Selmo, o Café-bar A Lúa, o Bar O Pemento, o Café-bar Rafa, o Club de golf Val de Rois e a Taberna Venezuela participaron neste iniciativa.
Dende o goberno local, o alcalde agradeceulles a implicación de todos os locais, “que nos axudan a celebrar como se merece o nacemento da escritora máis universal de Galicia”. Ramón Tojo tivo tamén palabras de recoñecemento para a panadería San José, que a demais de elaborar o pan de millo que se repartiu entre nos bares e restaurantes, celebrou o día de hoxe con bolsa especiais para o pan, na que ía impreso un poema de Rosalía de Castro, así como doces con forma das camelias da Casa de Rosalía e co logotipo da Fundación.
Os actos conmemorativos do Día de Rosalía comezaron xa a principios de semana, coa restauración do mural vexetal dedicado á escritora que fixo Camilo Seira. O alcalde, Ramón Tojo, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, visitaron o mércores a. restauración. Este mural, que desde 2020 lles dá a benvida a todas as persoas que se achegan ao edificio multiúsos, lembra a influencia duradeira da poeta na cultura galega.
Concurso en redes
Nestes días do mes de febreiro, as persoas interesadas tamén poden participar comaprtindo contidos relacionados con Rosalía nas redes sociais, desde lecturas dos seus versos ata reflexións sobre a súa obra. O Concello de Rois sortea dous lotes de produtos artesanais realizados polo centro ocupacional da Asociación Amipa. Para entrar no sorteo é necesario que nas publicacións se utilicen os cancelos #RoisconRosalia e #DíadeRosalia.
A participación estará aberta ata o 29 de febreiro, tanto en Facebook como en Instagram, rendéndolle así homenaxe á escritora nun espazo tan amplo como é a rede. Para optar ao premio cómpre acompañar a publicación nas redes sociais dos cancelos #RoisconRosalia e #DíadeRosalia.Durante o día de hoxe, e para lembrar o legado de Rosalía, o Concello repartiu marcapáxinas e anima a toda a veciñanza a facerse unha foto no Recuncho Rosaliano, un photocall habilitado no edificio multiúsos, na entrada da biblioteca, dedicado á escritora.