O auditorio do edificio multiúsos de Rois acollerá o vindeiro xoves 26 de febreiro a presentación do libro Cancioneiro popular do concello de Rois, unha publicación que recompila e pon en valor unha parte fundamental do patrimonio inmaterial do municipio.
O autor da obra, Clodio González Pérez, será o encargado de presentar este traballo de recollida e investigación da tradición oral e musical de Rois. No acto tamén intervirán Milagres das Neves Romero Susavila e Xabier Campos Villar, integrantes do equipo editor xunto con Noa Campos Codesido; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; e o alcalde de Concello de Rois, Ramón Tojo Lens.
A presentación contará ademais cunha destacada parte musical, coa participación do OCT Chorima, das Cantareiras das Amas de Casa de Rois, das Repeniqueiras de Urdilde e das Pandeireteiras de Ermedelo, que contribuirán a darlle vida ao repertorio tradicional recollido na publicación.
O acto comezará ás 19.00 horas e concluirá cun viño galego para as persoas asistentes. Desde o Concello anímase a veciñanza a participar nesta cita coa cultura propia e coa memoria colectiva de Rois.

















