O alumnado do Obradoiro de Emprego Xuventude en Acción 2019, desenvolvido polos concellos de Rois, Padrón e Dodro, realizou o pasado venres 17 de xaneiro unha visita didáctica a Santiago de Compostela dirixida a coñecer as saídas profesionais da especialidade de confección e publicación de páxinas web na que se están a formar. Así, os dez alumnos e alumnas achegáronse ao IES Plurilingüe San Clemente, á Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e ao Clúster TIC Galicia, os dous últimos situados na Cidade da Cultura.
O persoal docente e administrativo do IES Plurilingüe San Clemente, centro no que actualmente se imparten os ciclos medio e superior da familia profesional de Informática e Telecomunicacións, acompañaron aos membros do Obradoiro de Emprego na súa visita didáctica. Os dez alumnos e alumnas de Xuventude en Acción 2019 puideron informarse máis polo miúdo das opcións laborais que outorga o certificado de profesionalidade que obterán ao remate destes seis meses de formación.
A seguir, desprazáronse á Cidade da Cultura de Galicia para visitar dous organismos públicos vencellados coa familia profesional das tecnoloxías da información: a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Clúster TIC Galicia. Na AMTEGA coñeceron da man dos técnicos o Centro de proceso de datos integral da Xunta de Galicia (CPDI) e o seu funcionamento, que dá servizo TIC tanto á Administración autonómica como a concellos, deputacións e universidades públicas.
No Centro de Emprendemento do Gaiás visitaron o Clúster TIC Galicia, unha asociación sen ánimo de lucro que reúne empresas, asociacións empresariais, colexios, asociacións profesionais e outros axentes do macrosector das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) da Comunidade Autónoma de Galicia e traballa para poñer en valor o macro sector TIC galego impulsando a colaboración entre as empresas. Desde o Clúster TIC incidiron na gran necesidade de profesionais que teñen as empresas do ámbito tecnolóxico na actualidade e animaron ao alumnado de Xuventude en Acción 2019 a seguir por esta vía para atopar emprego neste sector.
Xuventude en Acción 2019
O Obradoiro de Emprego Xuventude en Acción 2019 está promovido polos concellos de Rois, Padrón e Dodro, para a formación de 10 alumnos/as traballadores/as menores de 30 anos, na especialidade de Confección e publicación de páxinas web segundo a subvención concedida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, ao abeiro da Orde 4 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dirixidos a persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. A duración deste obradoiro é de 6 meses e permitirá que o alumnado-traballador desempregado se forme nun oficio mentres realizan tarefas de interese xeral e social, que xunto coa formación profesional para o emprego, procure a sua cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Os participantes recibirán un Certificado de Profesionalidade con validez en todo o Estado e levarán a cabo o proxecto de construción da páxina web “Coñece Terras de Iria” e o Portal de emprego Terras de Iria.