Un grupo de 17 alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Rois (ESMU) veñen de participar nun intercambio musical e cultural coa Academia de Música de Santo André (AMSA), no concello portugués de Santiago do Cacém. Durante catro días, os rapaces e rapazas de primaria e secundaria viviron unha experiencia única de aprendizaxe, convivencia e música. Na viaxe estiveron acompañados pola concelleira de Cultura, Victoria Quiroga; o director da ESMU, Manuel Villar; os profesores Fabián Jamardo e Brais Villar, e a xestora cultural Anayansi Singh.

A expedición partiu de Rois o pasado xoves 7 de novembro. Durante a viaxe fixeron unha parada en Fátima, onde realizaron unha visita cultural, antes de chegar a Vila Nova de Santo André. Ese mesmo día pola noite, as familias e o profesorado da AMSA ofreceron unha cea de convivencia para darlle a benvida ao grupo galego.

O venres 8 a comitiva roisense realizou actividades culturais como a visita guiada á lagoa de Santo André e ao centro de interpretación da natureza, completando a xornada cun ensaio conxunto co alumnado portugués.

O sábado 9 foi o día grande. Pola mañá, visitaron Santiago do Cacém, onde coñeceron o castelo, o miradoiro e participaron nunha recepción oficial ofrecida polo vicepresidente do concello, Albano Pereira, e pola concelleira de Cultura, Sónia Gonçalves. Pola tarde, o alumnado da ESMU e a Orquestra de Sopros e Percussão da AMSA ofreceron un concerto conxunto para todos os públicos, nunha actuación que recibiu os aplausos e o recoñecemento das autoridades e do público asistente. A xornada rematou cunha churrascada e un baile de despedida organizados polas familias e o profesorado anfitrión.

Tras despedirse do alumnado, do profesorado e da dirección do hotel, o grupo emprendeu o regresou o domingo 10. Na viaxe de volta pararon en Lisboa e visitaron Coímbra, completando así unha experiencia inesquecible tanto no ámbito musical como cultural.

A concelleira de Cultura de Rois, Victoria Quiroga, destacou durante a visita “a cálida acollida recibida pola AMSA e polas familias, que nos fixeron sentir como na casa”. “Este tipo de iniciativas enriquecen enormemente ao noso alumnado, non só a nivel musical, senón tamén a nivel persoal, promovendo valores de convivencia e intercambio cultural”, engadiu.

A orquestra portuguesa ten previsto visitar Rois o próximo mes de abril, un reencontro que os integrantes da ESMU de Rois xa agardan con ilusión.

Este intercambio musical, o cuarto promovido e financiado polo Concello de Rois, forma parte dunha iniciativa consolidada que xa levou ao alumnado da ESMU a Venecia (2018), Pasztó, en Hungría (2019), e Letonia (2022 e 2023).

O goberno municipal de Rois mantén así o seu compromiso coa formación musical e co fomento de experiencias culturais internacionais, que contribúen ao crecemento integral da veciñanza máis nova do municipio.