Un grupo de 17 alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Rois viaxa a Portugal hoxe, 7 de novembro, para participar nun intercambio musical e cultural coa Academia de Música de Santo André, no concello de Cacém, situado a uns 150 km ao sur de Lisboa. Durante a súa estadía, que se prolongará ata o domingo 10, o grupo realizará actividades culturais, ensaios e un concerto aberto ao público.
O alumnado participante, de educación primaria e secundaria, viaxa acompañado da concelleira de Cultura, Victoria Quiroga; do director da ESMU, Manuel Villar; dos profesores Fabián Jamardo e Brais Villar, e da xestora cultural Anayansi Singh. O esforzo das familias, alumnado e profesorado intensificouse nos últimos meses con ensaios para amosar en Portugal o traballo desenvolvido na Escola Municipal de Música de Rois.
Durante a súa visita a Vila Nova de Santo André, no Concello de Cacém, o grupo terá a oportunidade de coñecer a riqueza cultural e natural da zona, con visitas á lagoa, ao castelo e ao miradoiro. O sábado 9 de novembro, ás 18:00 horas, ofrecerán un concerto xunto á Orquestra de Sopros e Percussão da Academia de Música de Santo André, que exerce de anfitrioa.
Este é o cuarto intercambio musical internacional impulsado e financiado polo Concello de Rois, que xa levou ao alumnado da Escola de Música a Venecia (2018), Pasztó, Hungría (2019) e Letonia (2022 e 2023). Con esta nova iniciativa, Rois reafirma o seu compromiso coa formación musical e o intercambio cultural.