O alcalde de Rois, Ramón Tojo, presidiu a entrega de premios dos concursos de tarxetas de Nadal e Decora Rois no Nadal que organizou o Concello para fomentar a creatividade entre o alumnado e animar a veciñanza a decorar as súas casas ou negocios nestas datas. O acto celebrouse no local da Asociación de Veciños de Ribasar, que foi a gañadora na categoría de rede asociativa no concurso de decoracións. A postal feita polos nenos e nenas da Galiña Azul foi a elixida como felicitación institucional este ano.

Ramón Tojo felicitou a todas as persoas asistentes, e animounas a seguir participando nestes concursos que teñen como obxectivo fomentar a creatividade entre o alumnado dos centros educativos, por unha banda, e a participación da veciñanza para adornar casas e negocios durante o Nadal. O alcalde aproveitou para felicitarlles as festas a toda a veciñanza e desexarlle “un venturoso ano 2024 cheo de saúde e paz”. Tojo estivo acompañado pola tenente de alcalde, Mercedes Basante, e polos concelleiros José Luis Ares e Manuel Cobas.

Os primeiros premios entregados corresponderon ao concurso Decora Rois no Nadal, no que as persoas gañadoras en cada categoría recibiron unha cesta con produtos de Nadal.

As propostas decorativas de Agroesparís, na categoría de negocio; do Café Bar Rafa, na de hostelería; da casa de Marisol Guerra, na de vivenda unifamiliar, foron as gañadoras por recibir máis gústame na páxina de facebook do Concello de Rois. Os segundos clasificados foron a perruquería O salón de Silvia, na categoría de negocio; e Julia Vigo, do lugar de Tourís (Sorribas), na de vivenda unifamiliar.

A Asociación de Veciños de Ribasar, como gañadora na categoría de colectivos veciñais, recibiu un cheque de 200 euros como premio.

Polo que respecta ao concurso de Postais de Nadal tamén se entregaron os premios aos mellores debuxos.

A postal realizada polo alumnado da Galiña Azul de Rois, gañadora na categoría de educación infantil, foi a elixida polo xurado para felicitar o Nadal a toda a veciña do municipio neste 2023. O resto de premios corresponderon a: Manuel Eiras Ares, de 6º de educación infantil no CPI Os Dices; a Brais Ínsua Carregal, na categoría de 1º e 2º de educación primaria e alumno do CPI Os Dices; a Lucía Calvo Ruíz, de 4º de primaria no CEIP O Pumar; a Ian Seco Ares, de 6º de primaria no CEIP O Pumar; e a Sara Godoy Fernández, que estuda 1º de primaria no CEIP o Pumar.

Ademais, os membros do xurado resolveron conceder un accésit pola súa calidade á postal do alumnado de 6º de primaria do CEIP O Pumar.

Como regalo levaron un lote de libros, un diploma acreditativo e un agasallo. Ao alumnado da Galiña Azul entregóuselle a postal impresa, e o de 6º de primaria de Urdilde tamén recibiu impresa a súa postal.