O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitaron esta mañá as obras da depuradora de Urdilde, nas que Xunta e Concello fan un investimento de 946.000 euros. A conselleira dixo que os traballos están moi avanzados e rematarán no último trimestre deste ano.

Na visita tamén participaron membros do goberno municipal de Rois e representantes das empresas que están a executar os traballos. 

A finalidade é contar cunha nova depuradora de augas residuais e construír a rede de colectores correspondente que permitirán mellorar o sistema de depuración existente na zona, conectando as vivendas do núcleo da Calle á nova EDAR, o que terá beneficios no medio ambiente e na calidade das augas da contorna. A depuradora está preparada para conectar toda a parroquia á rede de saneamento.

Ademais da propia EDAR, as obras proxectadas contemplan tamén a construción de 519 metros de colector dende a actual depuradora ata a arqueta de entrada das novas instalacións e o acondicionamento do acceso ás mesmas.

Estas actuacións enmárcase no convenio de colaboración asinado co Concello de Rois, polo que a Xunta achegará o 80% do investimento e encárgase da execución das obras a través de Augas de Galicia; e o Concello financia o 20% restante e asumirá as xestións para posibilitar os traballos, a recepción, mantemento e conservación da infraestrutura hidráulica unha vez remata. As obras contan coa financiación da Unión Europea, no marco do eixe REACT UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

Durante a súa visita a Rois, Ángeles Vázquez, anunciou que a Xunta sacou a licitación a segunda fase dos traballos do Plan de saneamento de Galicia cun orzamento de 1,3 millóns de euros co obxectivo de optimizar o aproveitamento dos recursos hídricos galegos. Os traballos inclúen a creación do rexistro oficial de aglomeracións urbanas de Galicia e a proposta de medidas coas que mellorar as instalacións de depuración ineficientes, reducir as infiltracións nas redes municipais, optimizar a xestión das augas pluviais e a eficiencia enerxética dos sistemas de saneamento.

Esta é unha das actuacións incluídas nos orzamentos do Executivo galego para este ano, que mobilizará un total de 85 millóns de euros en distintas actuacións de saneamento e depuración de augas (incluíndo a explotación de 27 depuradoras cuxa xestión foi cedida á Xunta polos concellos) e 23 millóns de euros na mellora dos sistemas de abastecemento municipais.