Protección Civil de Rois acudiu esta mañá a facer labores de axuda a dous novos accidentes que se produciron na estrada provincial DP-7402 (que comunica O Martelo con Augasantas), unha situación que se repite con frecuencia e que están a acabar coa paciencia do goberno local diante da pasividade da Deputación.

Os dous accidentes ocorreron na zona de Ermedelo, e víronse implicados dous camións. O primeiro era un camión articulado e perdeu toda a carga de madeira do segundo remolque ao saírse da estrada. No segundo caso, o camión grúa tamén se saíu da estrada. Non houbo que lamentar feridos en ningún dos dous siniestros.

O alcalde de Rois volve preguntase cando ten pensado a Deputación da Coruña (titular da vía) “cumprir o compromiso adquirido en 2019 para ampliar esta estrada e para o que anunciaba un investimento de 1,2 millóns de euros”.

Ramón Tojo traslada “outra vez máis” o malestar veciñal pola situación desta estrada, que ten moito tráfico “e non conta con ancho suficiente, como demostran os constantes accidentes que se producen na vía”. 

“O firme desta vía está en bo estado, pero é tan estreito que cando nos cruzamos dous tractores, ou un tractor e un turismo, temos que botarnos fóra do asfalto, porque non collemos”, denunciaban o pasado mes de maio agricultores da parroquia de Augasantas.O alcalde de Rois non entende “o deixamento dos responsables da Deputación da Coruña para acometer estes arranxos tan necesarios e denuncia a lentitude na tramitación das obras por parte da Deputación. No apartado de vías e obras, o ano pasado a Deputación só executou un de cada catro euros orzamentados. Tiñan presupostados 51 millóns para investimentos en estradas, a apenas fixeron obras por doce. Isto non pode seguir así”, conclúe Ramón Tojo.