O alcalde de Rois, Ramón Tojo, recibiu este venres 11 de abril na casa consistorial ao grupo da Escola de Música de Santo André que participa nun intercambio internacional coa Escola de Música de Rois. A delegación do municipio portugués de Santiago do Cacém está formada por máis de medio cento de persoas, entre alumnado, profesorado e familias, e devolve a visita que o pasado mes de novembro lles fixo a ESMU de Rois. Este sábado, 12 de abril, ESMU e EMSA ofrecen un concerto conxunto no auditorio do campus tecnolóxico Cortizo a partir das 18.00 horas.

A primeira xornada do cuarto intercambio internacional que promove o Concello de Rois co alumnado e profesorado da ESMU comezou no auditorio do edificio multiúsos. A delegación portuguesa foi recibida por alumnado da Escola de Música e do Obradoiro de Emprego Terras de Iria, que tiñan organizado un xogo para que os visitantes puidesen coñecer un pouco máis da cultura galega. Como recordo, todas as persoas participantes levaron unha camiseta de agasallo. O artista Camilo Seira interpretou á gaita a canción A Rianxeira.

Despois Ramón Tojo recibiu ao grupo no salón de plenos da casa consistorial, dándolles a benvida e desexándolles unha agradable estancia en Rois. O alcalde lembrou que este é o cuarto intercambio internacional no que participa a Escola Municipal de Música de Rois, despois dos celebrados en Venecia (Italia), Hungría e Letonia.

Na recepción, o goberno de Rois obsequiou aos visitantes cuns detalles elaborados pola Asociación AMIPA, marmelada de pementos e uns Doziños (caramelos con sabor a pemento), ademais duns doces. Pola súa banda, os representantes da AMSA tamén lles entregaron ao alcalde e ao director da ESMU uns agasallos, ademais dun pan doce típico de Santiago do Cácem.

Logo a comitiva fixo un percorrido pola ruta Rosalía nos Camiños, para coñecer un pouco máis as fermosas paisaxes de Rois. Pola tarde, despois dun ensaio, a comitiva visitou o casco antigo de Padrón e a casa museo Rosalía de Castro.

Visita a Fondóns

A delegación portuguesa chegou a Rois este xoves pola noite e xa foi recibida cunha sorpresa. Durante a cea na taberna O Pemento, integrantes do OCT Chorima obsequiáronos cun pequeno concerto de música galega.

Este sábado 12 de abril, a comitiva da AMSA visitará Santiago de Compostela pola mañá, e, pola tarde, ofrecerá un concerto conxunto coa Escola de Música de Rois no auditorio do campus tecnolóxico Cortizo, a partir das 18.00 horas.