O alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens, participou esta mañá na presentación da oitava edición dos Premios Youtubeiras+, que se desenvolverá baixo o lema Fachenda ao cadrado. Estes galardóns, que promoven a creación de contidos dixitais en galego, amplían o seu alcance nesta edición ao incluír tamén as creacións en TikTok, ademais de YouTube. O certame, organizado por concellos como o de Rois, universidades e Deputación, busca fomentar o uso do galego nas redes sociais entre a mocidade e repartirá 7.500 euros en premios entre sete categorías.
“Youtubeiras, desde a súa posta en marcha en 2017, é un proxecto vivo, que evoluciona, que se transforma e que procura adaptarse á comunidade de persoas creadoras de contidos na Rede na nosa lingua, unha comunidade que consideramos que foi medrando ao abeiro destes premios que pasan a chamarse desde agora Youtubeiras+”, explicou Cristina López, vicerreitora de igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, nunha rolda de prensa que tivo lugar esta mañá na Reitoría da Universidade da Coruña, na que estivo acompañada pola alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz; o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude do Concello de Oleiros, María José Santos Zas.
O Concello de Rois é un dos dez municipios que apoian esta iniciativa dende o seu inicio en 2017. O prazo de inscrición para participar estará aberto ata o 15 de novembro, e poderán presentarse maiores de 14 anos con canles autoproducidas en YouTube e/ou TikTok. As canles que participen deberán ter a maioría dos vídeos en galego e cumprir cos seguintes requisitos: contar como mínimo cun vídeo subido a partir do 15 de novembro de 2023 co cancelo #youtubeiras; non ter restricións de privacidade; os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, no caso de habelos, estarán en galego e os vídeos poden contar con subtítulos de activación opcional no YouTube noutras linguas.
7.500 euros en premios para sete categorías
Os premios Youtubeiras+ repartirán 7.500 euros entre sete categorías. As persoas gañadoras nos apartados de canle de YouTube e canle de Tiktok recibirán 1250 euros cada unha, mentres que quen consiga os galardóns de creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e o premio do público levará 1000 euros.
Este último galardón poderá ser proposto pola audiencia a través da web www.youtubeiras.gal ata o 15 de novembro. Ninguén poderá propoñer como candidatos os seus propios vídeos . Con todas as candidaturas recibidas crearase un formulario de votación que se difundirá polas redes sociais de Youtubeiras+ e estará habilitado do 25 de novembro ao 5 de decembro.
O xurado dos Premios Youtubeiras+ estará conformado por Andrea Villa, xornalista e produtora; Carlos Callón, escritor, profesor e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística; Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, e Sara Varela, guionista, realizadora e produtora audiovisual.
Actividades formativas cos ‘Fiadeiros dixitais’
A participación no certame tamén contará con actividades formativas nos concellos organizadores, incluíndo Rois, co obxectivo de promover o uso do galego na creación de contidos dixitais entre as novas xeracións.
Estes obradoiros serán impartidos por Mario Brión, coñecido pola súa canle Olaxonmario; María Rúa, da canle Pradorua; Nuria Espasandín e Sergio Casal, da canle Toxío; Laura Veiga, da canle Pingando, e Carlos Vieito, presentador do podcast de vídeo Exército Mekemeke.
O Concello de Rois, parte fundamental de Youtubeiras+
Youtubeiras+, ademais de ser unha plataforma para dar visibilidade ao galego nas redes, converteuse nun referente na promoción da lingua entre a comunidade creadora de contidos dixitais. Ramón Tojo, xunto con representantes de outras institucións, destacou a importancia de proxectos coma este para a normalización do galego nas novas formas de comunicación.
O Concello de Rois continúa a súa aposta firme polo galego, formando parte activa do proxecto Youtubeiras+ xunto cos municipios de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo; as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo; e a Deputación da Coruña. O alcalde Ramón Tojo sinalou que o apoio a este tipo de iniciativas é clave para a promoción da lingua galega, especialmente entre a mocidade, que atopa nas redes sociais unha ferramenta poderosa para a súa expresión creativa.
Á rolda de prensa de presentación dos premios asistiron tamén a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro Díaz; a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra Tuñas; a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística do Concello de Ferrol, Patricia Cons Formoso; a concelleira de Cultura e Festas do Concello de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo, e persoal técnico de normalización lingüística das diferentes entidades organizadoras, entre o que se atopaba Inmaculada Seage Freire por parte de Rois.