
O alcalde de Rois resaltou hoxe de novo a importancia da colaboración entre diferentes administracións para poder poñer en marcha iniciativas que beneficien á veciñanza. Ramón Tojo participou na clausura do Obradoiro dual de emprego Comarca do Sar 2024, desenvolvido polos concellos de Padrón, Rois e Dodro, e no que se formaron 20 persoas desempregadas en atención sociosanitaria a domicilio e en operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización. Catro destas vinte persoas xa están traballando.
A clausura celebrada no auditorio municipal de Padrón contou coa presenza de Ramón Tojo; da delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e dos alcaldes de Dodro, Xabier Catro, e de Padrón, Anxo Arca, que presidiu a reunión. O rexedor roisense destacou a importancia deste tipo de programas para o futuro da comarca e a necesidade de que as institucións traballen de xeito conxunto para ofrecer á veciñanza formación que abra portas ao mercado laboral.
O obradoiro, centrado nas áreas de atención sociosanitaria a domicilio e en operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización tivo unha duración de 9 meses e formou un total de 20 participantes, dos cales 6 procedían de Rois.
Durante a súa formación o alumnado reparou a cuberta do lavadoiro e da fonte de Casal de Poño, en Rois. En Dodro melloraron a pavimentación da praza de Lestrove e fixeron os revestimentos interiores da casa consistorial.
Ademais de recibir formación teórica e práctica, os participantes contaron cun contrato de traballo e unha remuneración mensual. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta financiou este obradoiro con preto de 433.000 euros.Con iniciativas como este obradoiro, o Concello de Rois reafirma o seu compromiso co desenvolvemento da comarca e coa mellora da empregabilidade da súa veciñanza. Ramón Tojo quixo aproveitar o acto para agradecer o esforzo e implicación de todos os participantes e do persoal técnico que fixeron posible o éxito deste programa.

















