O Concello de Rois, xunto cos concellos de Padrón e Dodro, clausurou o Obradoiro Dual de Emprego Comarca do Sar 2023, unha iniciativa clave para mellorar a ocupabilidade e fomentar a inclusión laboral das persoas desempregadas. Este programa, subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e cofinanciado polo Ministerio de Traballo e Economía Social, representa unha aposta conxunta pola formación de calidade e o desenvolvemento local.

A clausura celebrada no auditorio municipal de Padrón contou coa presenza do alcalde de Rois, Ramón Tojo, do alcalde de Padrón, Anxo Arca, e de Alberto Linares Fernández, xefe de servizo de emprego da Coruña. O rexedor roisense destacou a importancia deste tipo de programas para o futuro da comarca e a necesidade de que as institucións traballen de xeito conxunto para ofrecer á veciñanza formación que abra portas ao mercado laboral.

O obradoiro, centrado nas áreas de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, tivo unha duración de 12 meses e formou un total de 20 participantes, dos cales 6 procedían de Rois. Ademais de recibir formación teórica e práctica, os participantes contaron cun contrato de traballo e unha remuneración mensual financiada ao 100% pola Xunta de Galicia.

Os propios participantes tamén tiveron un papel protagonista na clausura, destacando a importancia desta experiencia para a súa formación e empregabilidade. Unha das alumnas  comentou que este obradoiro non só lles deu ferramentas prácticas, senón tamén confianza para acceder a novos postos de traballo.

Con iniciativas como este obradoiro, o Concello de Rois reafirma o seu compromiso co desenvolvemento da comarca e coa mellora da empregabilidade da súa veciñanza. Ramón Tojo quixo aproveitar o acto para agradecer o esforzo e implicación de todos os participantes e do persoal técnico que fixeron posible o éxito deste programa.